Tres proxectos de emprendemento xurdidos da Universidade de Vigo serán preincubados na Tecnópole

2018-05-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe ao acto de presentación das iniciativas seleccionados para os premios INCUVI-Emprende e INCUVI-Avanza
  • Tecnópole ofrecerá gratuitamente durante un ano soporte e espazo nos niños da súa preincubadora aos tres proxectos seleccionados nos Premios INCUVI-Emprende que están relacionados co aproveitamento forestal, a xestión cultural e a biotecnoloxía
  • A participación nesta iniciativa súmase a outros instrumentos da Xunta de apoio ao emprendemento innovador como a Rede galega de aceleradoras e os fondos de capital risco

San Cibrao das Viñas (Ourense), 3 de maio de 2018.- O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu esta mañá o acto de presentación dos proxectos seleccionados no Campus de Ourense na sétima edición dos premios INCUVI-Emprende e na terceira edición dos premios INCUVI-Avanza, convocados pola Universidade de Vigo e nos que Tecnópole colabora cedendo espazo no seu niño de empresas, durante un ano, aos tres proxectos gañadores na modalidade INCUVI-Emprende. No acto, participou a directora da Axencia Galega de Innovación e vicepresidenta de Tecnópole, Patricia Argerey.

En concreto, os proxectos que se aloxarán no niño de empresas do edificio CEI do Parque son: Aproveitamento de recursos forestais, impulsada polo egresado da Escola de Enxeñaría Industrial Juan José Gil; ReivindicARTE, promovido por Violeta Pérez, estudante da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, xunto a Sabela Pindusa Martínez e Jorge Varandela; e Biolux, unha idea procedente de estudantes da Facultade de Ciencias e representados por Daniel Docampo, xunto a Aida Otero e Borja Fraguela.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación e vicepresidenta de Tecnópole, deu a benvida ao Parque e felicitou aos proxectos seleccionados e puxo á súa disposición todos os servizos e espazos que Tecnópole ofrece ao resto de empresas e centros tecnolóxicos que alí se aloxan. Ademais, agradeceu ás entidades implicadas na organización destes galardóns a súa participación: a Universidade de Vigo, a Asociación de Xoves Empresarios, Expoourense e a Confederación de Empresarios de Ourense.

Argerey aproveitou para lembrar o apoio da Xunta de Galicia ao emprendemento innovador, un área de acción que seguirá sendo estratéxica no Plan Galicia Innova 2020, e destacou dous instrumentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria que traballan nesta dirección: a Rede de Aceleradoras de Galicia e os fondos de capital risco. A Rede de Aceleradoras de Galicia permitiu apoiar máis de 600 proxectos nos últimos cinco anos cun investimento de 18 millóns de euros a través de iniciativas como VíaGalicia, a Business Factory Auto ou Agrobiotech Innovación. Por outra banda, Gain impulsa en colaboración co IGAPE e Xesgalicia fondos de capital risco como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras que ofrece apoio financeiro a iniciativas de emprendemento.

Ademais, a directora de Gain inscribiu os proxectos seleccionados nos retos identificados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3 para o período 2014-2020, en concreto, no reto 1, xestión innovadora dos recursos naturais e culturais, e no reto 3, un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Os premios INCUVI-Emprende e INCUVI-Avanza

O obxectivo dos premios INCUVI-Emprende é fomentar o espírito emprendedor entre estudantes e persoas egresadas da Universidade de Vigo a través dun concurso de ideas que proporcione a proxectos emprendedores dos tres campus un programa de preincubación dun ano, mentres que o dos premios INCUVI-Avanza é ampliar durante un ano máis o apoio a aqueles proxectos empresariais máis viables e con potencialidade dos galardoados na convocatoria anterior dos premios INCUVI.

A Universidade de Vigo, organizadora dos premios, ofrece as actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos no caso dos premios INCUVI-Emprende, así como tamén a estadía no seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense (CITI) para o premiado INCUVI-Avanza no Campus de Ourense.

Pola súa banda, Tecnópole acolle durante un ano na súa preincubadora de empresas os proxectos seleccionados na categoría INCUVI-Emprende, así como dá acceso aos espazos e servizos comúns que ofrece ás empresas e centros que están aquí ubicados. Algunhas destas prestacións que o Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición son: formación, asesoramento en comunicación, acceso a aulas e salas de reunións, rede de fibra óptica, conectividade inarámica, infraestruturas científico-tecnolóxicas así como servizo de soporte á xestión e viabilidade empresarial, entre outros.