A RAGC convoca o III Premio Galicia de Xornalismo Científico

2018-04-23
  • Ábrese o prazo ata o 15 de xuño do certame que recoñece o mellor traballo de difusión da investigación en medios de comunicación cunha dotación de 4.000€
  • O proceso de participación simplifícase ao habilitar a presentación de candidaturas de xeito totalmente telemático

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre ata o 15 de xuño o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Galicia de Xornalismo Científico 2018.

O proceso de participación simplifícase de xeito significativo ao habilitar a presentación de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da RAGC (ragc.gal) e de GAIN (gain.xunta.gal) a partir de hoxe.

O galardón, que alcanza a súa terceira edición, recoñecerá con 4.000 euros netos o mellor traballo de difusión da investigación científica publicado por un medio de comunicación entre o o 1 xullo de 2017 e o 15 de abril de 2018 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.

Os xornalistas poden presentar ao certame -a título individual ou en equipo– noticias, crónicas ou reportaxes que teñan como tema principal calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolvida en Galicia: achádegos, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación, casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado, etc.

A entrega do premio terá lugar o 8 de outubro, durante o acto no que se celebra o Día da Ciencia en Galicia.

As bases poden consultarse na web da Real Academia Galega de Ciencias, ou descargarse nesta ligazón.