7
Nov

Presentación da Convocatoria de Ecosistemas de Innovación e Transferencia 2025

Axencia Galega de Innovación

Engadir ao calendario

Título: Presentación da Convocatoria de Ecosistemas de Innovación e Transferencia 2025
Data: venres 7 de novembro de 2025
Horario: de 12:30 a 14:00 h
Lugar de celebración: Sede da Axencia Galega de Innovación (Rúa Airas Nunes, s/n, Santiago de Compostela)

Co obxectivo de impulsar a participación das entidades galegas na nova convocatoria do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) Ecosistemas de innovación y Transferencia 2025, a Axencia Galega de Innovación organiza unha xornada o venres 7 de novembro. Esta convocatoria, que se enmarca no Plan Complementario de Transferencia de Coñecemento e que se publicará proximamente, persegue o desenvolvemento de ecosistemas e contornas innovadoras interrexionais máis conectados, orientados á transferencia, difusión e valorización do coñecemento.

As propostas deben estar dirixidas a afrontar algún destes cinco retos sociais, económicos e/ou tecnolóxicos:

  • Reto I: A transición ecolóxica xusta e equitativa: cara a un sistema agroalimentario integrado de sustentabilidade ambiental, cohesión social e promoción da saúde.
  • Reto II: Transición enerxética cara un sistema eléctrico robusto, eficiente e sostible: enerxías limpas como motor de descarbonización, prosperidade económica e equidade social nunha sociedade sostible.
  • Reto III: Preservar para transformar: o patrimonio vital como vector estratéxico de desenvolvemento territorial equilibrado e sostible
  • Reto IV: Determinantes en saúde e coidado: Os novos espazos socioeconómicos.
  • Reto V: Transformación sistémica cara a unha mobilidade sostible, conectada, eficiente e segura.

Ademais de presentar as características que xa se coñecen desta nova convocatoria, celebraranse grupos de traballo centrados en cada un dos retos para facilitar a formación de posibles consorcios.