17
Dec

Conversa en rede: diálogo sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade

Online

Engadir ao calendario

Título: Conversa en rede: diálogo sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade
Modalidade: Online
Data: 17/12/2024
Hora: 11.00 h

A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a última cita deste ano co ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son os deseñadores María Barros e Tomás Alonso.

  • María Barros. Deseñadora de moda. Graduada polo Instituto Europeo di Design di Milán, actualmente compaxina o seu traballo como deseñadora cos seus estudos de arte na Universitat Oberta de Catalunya e cun máster en sostibilidade na industria téxtil. Ten a súa marca propia dende o 2003 e tamén traballou con outros deseñadores como Carolina Herrera, Roberto Cavalli, Pupi Solari ou Modesto Lomba. Ao longo da súa carreira participou en desfiles na Milan Fashion Week, na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid ou na Pasarela Gaudi, ademais de expoñer na Trienalle de Milán ou en institucións como o Museo Cerralbo ou a Cidade da Cultura.
  • Tomás Alonso. Deseñador industrial. Ten o seu estudio en Londres, onde se formou no Máster de Deseño Industrial do Royal College of Art despois de pasar unha década dedicado á práctica profesional en Estados Unidos, Australia e Italia. Nos seus comezos fundou OKAYstudio xunto con cinco amigos. Na actualidade, ten entre os seus clientes a Ikea, Camper, Max Design ou Swarovski. Influenzado polos pioneiros do movemento moderno, os seus deseños caracterízanse pola síntese de elementos e unha lectura doada da súa funcionalidade. A simplicidade da súa estética revela o potencial expresivo dos materiais que utiliza.

Esta conversa, retransmitida en streaming, busca abrir unha nova ventá ás tendencias máis efervescentes a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores e deseñadoras galegos con gran proxección internacional.

O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.