Título: Conversa en rede: diálogo sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade
Modalidade: Online
Data: 05/11/2024
Hora: 11.00 h
A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a vindeira cita do ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son Marta Pazos e Ismael Velo.
- Marta Pazos. Directora de escena, dramaturga, escenógrafa, vestuarista e intérprete, é unha das creadoras máis efervescentes da vangarda escénica na actualidade. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, completou a súa formación en Italia, na Scuola Cònia de la Societas Rafaello Sanzio. Como directora artística de Voadora desenvolveu unha linguaxe propia baseada na plástica, a música, a hibridación de disciplinas e a investigación escénica. Dende o ano 2000 dirixe teatro e ópera para entidades como o Centro Dramático Nacional, o Teatro Real, o Teatro Español, o Teatro Lliure, o Teatro de la Abadía, o Centro Dramático Galego e o MA Scène Nationale de Francia. En 2024 recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Tamén conta co Premio de Honra ao mérito nas artes escénicas da MIT Ribadavia, o Premio de Honra Dorotea Bárcenas 2018 e catro Premios de Teatro María Casares.
- Ismael Velo. Deseñador industrial cun amplo repertorio de proxectos que van dende xoguetes a electrónica de consumo, pasando por mobiliario, identidade corporativa ou elementos arquitectónicos para o espazo público, principalmente parques infantís de madeira. Formado en países como Noruega e Holanda ademais de España, traballou para clientes como Volkswagen, Vodafone, WestJet, IKEA ou Earthscape Play. Os seus deseños procuran ter un impacto positivo na vida das persoas, contribuíndo a humanizar un mundo cada vez máis tecnolóxico e deshumanizado. Amante da artesanía e dos materiais nobres, non renuncia ás tecnoloxías de deseño e fabricación dixitais para un resultado atemporal no que se mesturan utilidade e beleza. En 2023 foi galardoado co Premio Galicia de Innovación e Deseño na categoría de Talento Emerxente.
Esta conversa, retransmitida en streaming, busca abrir unha nova ventá ás tendencias máis novidosas a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores e deseñadoras galegos con gran proxección internacional.
O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.