11
Xul

Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais

FEUGA

Engadir ao calendario

Título: Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais (presencial e en liña)
Data: de outubro a decembro de 2023
Prazo presentación solicitudes: ata o 9 de setembro de 2023
Xornada de presentación: 11 de xullo de 2023, de 11.30 a 14 horas, en FEUGA (Rúa de Lope Gómez de Marzoa, s/n, 15705 Santiago de Compostela)

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza o “Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais”. Está dirixido ao persoal investigador e ao persoal xestor de transferencia que traballa en centros de coñecemento do ecosistema de I+D+i de Galicia dedicados a disciplinas de Humanidades e Ciencias Sociais (HCS): arte, historia, dereito, economía, psicoloxía, comunicación…

O seu obxectivo é axudar a transformar os resultados da investigación en HCS en produtos e servizos útiles para a sociedade, ofrecendo un conxunto de coñecementos e ferramentas necesarios para achegar esa investigación ao mercado, así como acompañamento e mentoría especializada para os proxectos máis prometedores.

Este programa ten carácter gratuíto e ofrece varias sesións de formación e obradoiros, en formato en liña, así como entrevistas cos mentores que asesorarán e acompañarán aos equipos dos proxectos seleccionados. O programa inclúe tamén unha sesión presencial final na que se presentarán os proxectos mentorizados.

Previamente, o 11 de xullo, terá lugar a xornada de presentación do programa, na que se explicarán os contidos formativos e os criterios de selección de proxectos. Ademais, nesta sesión difundiranse casos prácticos dos centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D+i. Pode consultar aquí toda a información do programa. Para inscribirse na xornada de presentación, cubra este formulario

Para calquera dúbida ou aclaración pode poñerse en contacto a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012.