22
Xuñ

Xornada “Retos na valorización de residuos plásticos”

CIS Tecnoloxía e Deseño

Engadir ao calendario

Data: 22/06/2023
Hora: 10.00 – 14.00 h.
Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol)

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebrará o próximo 22 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) a xornada titulada “Retos na valorización de residuos plásticos”.

Este evento, con carácter exclusivamente presencial, está organizado dentro do plan de actividades previsto pola Materioteca de Galicia para o ano 2023.

O obxectivo dos distintos relatorios, é explorar e discutir as diferentes perspectivas e solucións innovadoras no campo da valorización dos residuos plásticos. Para iso, contarase coa participación de destacados expertos e organizacións galegas comprometidas coa protección do medio ambiente e a procura de alternativas sostibles no campo dos polímeros.

A xornada comezará coa presentación da Asociación Profesional de Empresas Ambientais (APROEMA), quen compartirá as súas experiencias e avances na valorización dos residuos plásticos en Galicia e nos brindarán información sobre os desafíos e as oportunidades existentes na nosa comunidade.

A través do Instituto Tecnolóxico do Plástico (AIMPLAS) poderanse concer as vantaxes que achegan os plásticos biobasados en contraposición aos plásticos convencionais, todo iso no marco das certificacións que se esixen a estes materiais para ser admitidos nos mercados. Nun segundo relatorio, compartiranse as conclusións do proxecto REPESCA_PLAS, no cal participaron empresas e organismos de Galicia e que se centrou na valorización dos residuos plásticos procedentes do mar.

Para tratar sobre a problemática concreta da xestión de residuos plásticos provenientes do sector agrícola, contaremos coa experiencia da consultora Estrategia y Gestión Medioambiental, S.L. (ESGAM) que ofrecerá unha visión dos retos e as posibles solucións para abordar esta cuestión específica.

Para finalizar, Deborah García Bello, química investigadora do Centro Interdisciplinar de Quimica e Bioloxía (CICA), escritora e divulgadora científica coñecida como @deborahciencia, brindaranos unha visión xeral sobre o presente e o futuro da valorización de residuos plásticos. A través da súa presentación, coñeceremos as tendencias emerxentes neste campo e teremos o seu enfoque sobre a temática abordada nesta reunión.

Esperamos que esta xornada sexa un espazo enriquecedor para o intercambio de ideas, a aprendizaxe e a colaboración, co obxectivo de comprender mellor os retos que se presentan para poder impulsar solucións innovadoras e sostibles.