25
Mai

Curso online «Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i»

On line

Engadir ao calendario

Título: Curso online «Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i»
Data: do 25 de maio ao 27 de xullo, en sesións semanais
Prazo de inscrición: ata o 20 de maio ás 13:30 h

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza o curso «Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i». Esta actividade enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, nas actuacións orientadas a impulsar o desenvolvemento profesional do persoal investigador dos centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D+i en aspectos relacionados coa comercialización de resultados da I+D.

Este curso, de carácter gratuíto, está dirixido a persoal investigador posdoutoral, a persoal investigador contratado con cargo a proxectos de universidades e organismos públicos de investigación, así como a persoas investigadoras e tecnólogas dos centros tecnolóxicos. O seu obxectivo é introducir ao persoal investigador nas bases da transferencia de coñecemento e a comercialización de resultados da I+D, ademais de contribuír ao desenvolvemento das seguintes capacidades: comprensión do valor da innovación e da investigación traslacional académica, as habilidades para presentar a investigación e conectar coa industria, e as estratexias para mellorar a produtividade da innovación nun entorno académico.

Cunha duración total de 36 horas, distribuídas en 10 sesións de 3 horas e media cada unha, o curso desenvolverase entre o 25 de maio e o 27 de xullo de 2022 en horario de 10:00 a 13:30 h. O programa de contidos estrutúrase en 3 módulos que serán impartidos integramente en inglés: «Fundamentos sobre transferencia de coñecemento», «Comunicación e presentación da investigación» e «Ecosistema de innovación, impacto e colaboración».

Pode consultar toda a información do programa premendo aquí. Para inscribirse, encha o formulario nesta ligazón. O prazo de inscrición remata o día 20 de maio ás 13:30 h.

Para calquera dúbida ou aclaración pode poñerse en contacto a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012.