5
Mar

Curso online «Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i»

On line

Engadir ao calendario

Título: Curso online «Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i»
Data: do 5 de marzo ao 14 de maio de 2021, en sesións semanais
Prazo de inscrición: ata o 26 de febreiro ás 20:00 h

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza o curso “Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i”. Esta actividade enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, nas actuacións orientadas a impulsar o desenvolvemento profesional dos investigadores e investigadoras dos centros de coñecemento do Sistema Galego de i+D+i en aspectos relacionados coa comercialización de resultados da i+D.

Este curso, de carácter gratuíto, está dirixido a persoal investigador posdoutoral, a investigadores/as contratados/as con cargo a proxectos de Universidades e Organismos Públicos de Investigación, así como a investigadores/as e tecnólogos/as dos Centros Tecnolóxicos. O seu obxectivo é introducir ao persoal investigador nas bases da transferencia de coñecemento e a comercialización de resultados da I+D, ademais de contribuír ao desenvolvemento das seguintes capacidades: comprensión do valor da innovación e da investigación traslacional académica, as habilidades para presentar a investigación e conectar coa industria, e as estratexias para mellorar a produtividade da innovación nun entorno académico.

Cunha duración total de 40 horas, distribuídas en 10 sesións semanais de 4 horas cada unha, o curso desenvolverase entre o 5 de marzo e o 14 de maio de 2021 en horario de 10:00 h a 14:00 h. O programa de contidos estrutúrase en 3 módulos que serán impartidos integramente en inglés: «Fundamentos sobre transferencia de coñecemento» (16 horas), «Comunicación e presentación da investigación» (8 horas) e «Ecosistema de innovación, impacto e colaboración» (16 horas).

Pode consultar toda a información do programa premendo nesta ligazón. Para inscribirse, cubra o formulario nesta ligazón. O prazo de inscrición remata o día 26 de febreiro ás 20:00 h.

Para calquera dúbida ou aclaración pode poñerse en contacto a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012.