12
Nov

Workshop online “CMF. Tendencias en materiais”. Ciclo “Materiais para o futuro”

On lie

Engadir ao calendario

Título: Workshop online “CMF. Tendencias en materiais”. Ciclo “Materiais para o futuro”
Data: 12/11/2020
Hora: 10.30 – 12.15 h.

O ciclo “Materiais para o futuro” do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia remata o 12 de novembro coa presentación das últimas tendencias en aplicación de propiedades sensoriais aos materiais, co obxectivo de axudar a establecer un vínculo emocional entre o usuario e o produto.

A disciplina do deseño denominada CMF (cor, material e acabado) será a protagonista do último workshop do ciclo organizado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (GAIN) e no marco da Materioteca de Galicia, co fin de explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño.

Neste workshop, Noemí Cortizas, experta en CMF, mostrará como é posible crear variantes de novos produtos traballando sobre as superficies externas mediante o emprego de procesados, vernices, pigmentos e a combinación acertada de diferentes materiais. Como exemplo de aplicación destas técnicas, FINSA dará a coñecer as súas últimas propostas para responder ás novas tendencias de mercado.

Na segunda parte do workshop, a empresa Materially presentará unha variada selección de materiais internacionais, escollidos pola adecuación das súas calidades sensoriais aos requisitos que impoñen os actuais modelos produtivos baseados na denominada economía verde.

Este evento é de especial interese para deseñadores/as, persoal técnico e profesionais vinculados co deseño e coa comercialización de novos produtos.