19
Xuñ

Presentación da Materioteca de Galicia e workshop “Materiais para a economía circular”

CIS Tecnoloxía e Deseño, Ferrol

Engadir ao calendario

Título: Presentación da Materioteca de Galicia e workshop “Materiais para a economía circular”
Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño, Ferrol
Data: 19/06/2019
Hora: 10:30 h – 18.00 h

A Consellería de Economía, Emprego e Industria presenta a Materioteca de Galicia o vindeiro 19 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol). A apertura desta nova instalación, concibida como a biblioteca de materiais de referencia en Galicia, completarase coa celebración do workshop “Materiais para a economía circular”.

A posta en marcha da Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020.

A materioteca é un espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

As súas prioridades son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos deseñadores de diferentes disciplinas, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e calquera outro perfil profesional implicado no desenvolvemento de solucións para os retos das empresas, así como estudantes destas especialidades.

Este labor completarase co apoio á transferencia de coñecemento, tanto desde os axentes de I+D do campo dos novos materiais á industria como entre diferentes sectores de actividade, partindo de que moitas veces un material creado para resolver unha necesidade nun sector determinado ten capacidade para ofrecer solucións noutros.

Por último, tamén contribuirá a crear sinerxías entre os organismos de I+D galegos do campo dos materiais e entre eles e as empresas, para o que se promoverá a creación dunha rede de colaboradores e dun catálogo de grupos de investigación neste ámbito.

Os asistentes á presentación da materioteca terán ocasión de visitar as súas instalacións e tamén de coñecer as últimas tendencias e proxeccións de futuro sobre a achega dos materiais innovadores á economía circular e o crecemento verde.

A primeira parte do workshop “Materiais para a economía circular”, sen límite de prazas, consistirá na presentación por parte de grupos de investigación e centros tecnolóxicos –todos eles colaboradores da Materioteca de Galicia– das propostas máis innovadoras de materiais adaptados aos criterios establecidos pola chamada economía verde, como os materiais de orixe natural, biodegradables ou fotocatalíticos, así como procesos que permiten obter materiais mediante a revalorización dos residuos.

O workshop completarase cun taller práctico limitado á participación de 50 persoas (cun cupo máximo de 10 prazas reservadas para estudantes). Os participantes traballarán sobre diversos tipos de ecomateriais innovadores para explorar, mediante técnicas de brainstorming e pool de ideas, oportunidades de aplicacións innovadoras partindo de diferentes retos no deseño de produtos. Será impartido polo director de Material ConneXion Bilbao, o maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación e socio estratéxico da Materioteca de Galicia.