28
Xuñ

I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial

CIS Galicia

Engadir ao calendario

Título: I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial
Lugar: CIS Galicia, Ferrol
Data: 28/06/2018
Hora: 10:00 h – 18.00 h

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de innovación (GAIN), celebra o vindeiro 28 de xuño o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial.

O evento, que terá lugar no CIS Galicia (Ferrol), ten como principal obxectivo abrir canles de contacto entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, unha iniciativa que terá continuidade a través das múltiples accións contempladas no novo Programa de Deseño para a Innovación 2020.

Os destinatarios do encontro son deseñadores galegos de todos os ámbitos (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.

Os asistentes terán ocasión de coñecer, por unha parte, as últimas tendencias neste eido da man de deseñadores galegos, do resto de España e da escena internacional; pola outra, empresas líderes nos seus sectores de Galicia e foráneas exporán as súas experiencias máis exitosas de incorporación do deseño á súa estratexia de negocio.

As ponencias compleméntanse con espazos expositivos no CIS Galicia nos que se fará un percorrido por propostas de deseño que van desde os referentes históricos Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo ata creacións contemporáneas.

Ademais, ábrese a oportunidade de concertar reunións bilaterais para cruzar ideas e necesidades entre deseñadores e empresas. Para solicitar unha reunión no marco do encontro, preme aquí.

O encontro, que se celebra con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial, contará coa presenza do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e da Directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

  • Podes consultar o programa premendo aquí.
  • Accede ao formulario de inscrición neste enlace.