Captación de Investimentos Industria 4.0

A través da iniciativa “Captación de Investimentos 4.0” defínese un proceso de consulta ao mercado para coñecer as características dos potencias proxectos de I+D tractores para a renovación do tecido industrial de Galicia cara un novo modelo industrial baseado na innovación, co obxectivo de crear emprego cualificado e acadar un forte impacto socioeconómico.

Este proceso iniciouse o 3 de marzo de 2016 coa publicación no Diario Oficial de Galicia dun anuncio co obxectivo de coñecer as manifestacións de interese de empresas interesadas nesta iniciativa. Á vista das manifestacións recibidas considerouse necesario actualizar algunhas das características dos proxectos incluídas neste primeiro anuncio e publicar un novo para, sen mudar o seu obxectivo de apoiar grandes proxectos empresariais de desenvolvemento experimental que superen os 50 millóns de euros, optimizar o investimento público apoiando tamén proxectos dun menor tamaño pero con sinerxías e complementariedades que permitan acadar unha maior eficiencia e eficacia dos fondos.

En función das manifestacións recibidas GAIN, por resolución do 29 de xuño de 2016, convocou as axudas para o programa industria 4.0 orientado a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental (D.O.G. de 14 de xullo de 2016).

Froito dos resultados da primeira convocatoria e do proceso de diálogo concluíuse que, soamente a través dun enfoque máis aberto que permita a adaptación ás especificidades de cada un dos sectores, se poderá acadar unha adecuada integración da Industria 4.0 nas principais cadeas de valor galegas. Desta forma revelouse como necesario:

  • Ampliar o alcance do apoio público: incluíndo, no caso das pemes, o financiamento de proxectos de innovación en materia de procesos e organización, así como a inclusión como potenciais beneficiarios as pequenas empresas.
  • Simplificar algunhas das características dos proxectos obxectivo: para aumentar a versatilidade da iniciativa e asegurar con iso o seu impacto na economía galega.

Neste senso publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26 de outubro unha terceira actualización do anuncio.

A invitación a presentar expresións de interese permanecerá aberta ata 2020.

O obxectivo é seguir avanzando na optimización da captación de investimento privado para o desenvolvemento de procesos e produtos innovadores baixo o paraugas da industria 4.0, que melloren a competitividade de Galicia a través do apoio a proxectos estratéxicos.

A chamada ao mercado permanecerá aberta ata 2020 e só se apoiarán os proxectos estratéxicos para os intereses industriais de Galicia cun impacto socioeconómico forte e de longo rendemento.

As novas manifestacións de interese que se reciban tras esta actualización utilizaranse para a definición das características dunha nova convocatoria do Programa Industrias do Futuro 4.0.

As intensidades de axuda das convocatorias deste Programa respectarán sempre as intensidades máximas permitidas polo Regulamento (UE) 651/2014 podendo variar así, segundo o tipo de proxecto e empresa, entre o 25 e o 80% do seu orzamento.

Esta iniciativa contribuirá de xeito decisivo aos obxectivos de creación de 50.000 empregos cualificados e ao incremento do peso da actividade industrial sobre o PIB Galego ata o 20%.

As propostas ao abeiro da iniciativa deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ser proxectos:
    • orientados a acadar un novo modelo industrial baseado na innovación ao abeiro das tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e en liña co reto 2 da RIS3 Galicia
    • dentro dos ámbitos máis destacados da economía galega cun efecto de arrastre sobre o tecido industrial galego
    • excelentes con retos tecnolóxicos ambiciosos e estratéxicos a nivel europeo
  2. Poderán ser tanto proxectos de investigación industrial como de desenvolvemento experimental, segundo as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, e desenvolverse tanto de xeito individual por pemes ou grandes empresas ou en cooperación con organismos de investigación. No caso das pemes poderán formularse tamén proxectos de innovación en materia de procesos e organización.
  3. Ter un orzamento empresarial financiable mínimo de 4.000.000€. De selo caso o orzamento do organismo de investigación no proxecto non deberá ser inferior ao 20% do custo do proxecto.
  4. Estar liderados por unha peme ou unha grande empresa tractora segundo o Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014
  5. Valorarase especialmente o seu alto impacto, tanto tecnolóxico como socioeconómico, en Galicia

Documentación: