Finalidade do premio
Recoñecer o talento, o compromiso e a iniciativa innovadora das persoas ao servizo da Xunta de Galicia e do seu sector público, cuxas achegas contribúen a construír unha Administración máis eficaz, eficiente, moderna e orientada á mellora continua, capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía e de prestar servizos públicos de calidade.
Así mesmo, os premios buscan fomentar a cultura da innovación no sector público e promover novas motivacións a través do recoñecemento do esforzo individual ou colectivo do persoal empregado público na implantación de procedementos, metodoloxías ou solucións innovadoras que impulsen a transformación e mellora da Administración autonómica, no marco estratéxico da simplificación administrativa e da modernización da xestión públic
Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
- 4.a) Administración Xeral da Comunidade Autónoma
- 4.c) Entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (a) Entidades públicas instrumentais: Organismos autónomos; Axencias públicas autonómicas; Consorcios autonómicos.
Categorías
O Premio consta de tres categorías:
- Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. A persoa interesada deberá detallar e definir unha problemática existente que detecte no exercicio do seu labor na Administración, explicando as razóns que motivan a necesidade de intervir e o interese da súa resolución. Así mesmo, deberá recoller as posibles liñas de traballo e accións para a futura implantación dunha solución.
- Desenvolvemento de iniciativas innovadoras: recoñeceranse aqueles proxectos de carácter innovador que estean listos para implementarse ou en fases iniciais de implementación. En todo caso, deberán detallarse cun grao significativo de definición e precisión o contido, as accións previstas e os elementos fundamentais do proxecto, así como xustificar as características que outorgan o seu carácter innovador e a problemática que se pretende solucionar.
- Simplificación administrativa: distinguiranse os proxectos que presenten novas propostas específicas de simplificación administrativa, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración pública da Xunta de Galicia como na prestación de servizos públicos ou na xestión administrativa interna. Inclúense iniciativas orientadas á redución de burocracia, trámites, tempos ou cargas administrativas, tanto internas como externas. As propostas deberán definir a súa incidencia nos aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos, identificando as áreas de actuación e o seu alcance. Nesta categoría deberá destacarse a dobre perspectiva: a do traballo cotián detallado e a visión planificadora das persoas responsables de coordinación.
Premios
As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros de se tratar dunha solicitude individual. Se a solicitude é dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.
Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de innovación constituirá un criterio de avaliación dos graos I e II da carreira administrativa da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Presentación de candidaturas
A presentación de candidaturas farase a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia
Ligazóns
Prazo
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 13 de novembro.