Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral

Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 27/01/2026
Código do procedemento: IN606B
Prazo de presentación de solicitudes: do 28/01/2026 ao 27/02/2026

Cal é o obxecto destas axudas?

A finalidade deste programa de axudas á etapa de formación posdoutoral, dun máximo de 6 anos de duración, é incrementar a incorporación do persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Isto lógrase en dúas fases diferenciadas:

  • A primeira, durante os tres anos iniciais do programa, permite a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro;
  • A segunda, durante os tres últimos anos, posibilita a continuación da súa formación posdoutoral, co establecemento dunha liña de investigación propia que lles permitirá, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Novidades desta convocatoria:

Como novidade desta convocatoria:

  • Increméntase o orzamento destinado ás estadías que se desenvolvan na zona 3 e a dotación económica para a liña de investigación propia;
  • concédese unha puntuación adicional para aquelas persoas candidatas que realizaron a lectura da tese de doutoramento nas Universidades Públicas Galegas.

Quen pode solicitar estas axudas?

  • A Axencia Galega de Innovación financia as entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
  • A Secretaría Xeral de Universidades financia as universidades pública do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).

Tipo e intensidade da axuda:

  • Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
  • Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
  • Intensidade da axuda: 100 %
  • Duración das axudas: un máximo de 6 anos
  • Orzamento total: 16.552.200 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 3.040.200 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 13.512.000 euros)

Número e importe das axudas

Poderanse conceder ata 49 axudas, coa seguinte distribución:

  • 40 para as universidades do SUG.
  • 9 para as demais entidades.

Os importes destas axudas son os seguintes:

Durante a primeira fase da axuda

  • 32.800 € brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais
  • Un complemento por cada mes de estadía («Complemento estadía») de:
    • 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1)
    • 2.000 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2)
    • 3.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3)
  • Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas («Complemento entidades 1»).
  • Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato desta fase por expiración do tempo convido (no caso de que non se supere a avaliación intermedia), incluirase unha axuda total de 3.250 euros.

Durante a segunda fase da axuda:

  • 39.900 € brutos anuais, en concepto de salario e de custos sociais.
  • Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación («Complemento liña») coa seguinte desagregación por anualidades: 4.000 euros no 2029, 11.000 euros no 2030, 11.000 euros no 2031 e 7.000 euros no 2032.
  • Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación («Complemento entidades 2»).
  • Ao termo do contrato por expiración do tempo convido está prevista unha axuda máxima de 7.200 € para cubrir o custo da indemnización. No caso de que a persoa investigadora contratada non supere a avaliación prevista ao termo da primeira fase, a indemnización ascenderá a un total máximo de 3.250 € e aboarase co último pagamento desa fase da axuda.

A onde acudir?

Para solicitudes de organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal

Para solicitudes presentadas por universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG):

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE XESTIÓN CIENTÍFICO-TECNOLÓXICA
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995980
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal

Documentación e ligazóns