VII Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as

Finalidade do premio


A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.


Persoas beneficiarias


Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

  • 4.a) Administración Xeral da Comunidade Autónoma
  • 4.c) Entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (a) Entidades públicas instrumentais: Organismos autónomos; Axencias públicas autonómicas; Consorcios autonómicos.


Categorías


O Premio consta de tres categorías:

  • Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. A/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática que estea a afrontar a Administración autonómica galega no exercicio das súas competencias, así como as razóns que motivan a necesidade de interese que tería a resolución da mesma.
  • Proxecto coa temática máis innovadora: premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. A/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar o proceso do proxecto, expoñer os puntos considerados fundamentais e xustificar as características que outorgan carácter innovador ao seu proxecto. Premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.
  • Simplificación administrativa: premiarase os proxectos con novas propostas de simplificación administrativa, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración pública da Xunta de Galicia como na xestión administrativa interna. O persoal interesado en participar nesta categoría deberá detallar a súa proposta e a súa incidencia en aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos, identificando as áreas de actuación e o seu alcance.


Premios


As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros de se tratar dunha solicitude individual. Se a solicitude é dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.

Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de innovación constituirá un criterio de avaliación dos graos I e II da carreira administrativa da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.


Presentación de candidaturas


A presentación de candidaturas farase a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia


Ligazóns



Prazo


O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 17 de outubro.