Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027

O Plan Galego de Investigación e Innovación é o instrumento de planificación operativa da Xunta de Galicia para abordar durante o trienio 2025-2027 os retos e prioridades definidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), o marco instrumental que estrutura todas as accións de I+D+i da Administración autonómica.

O seu obxectivo é definir os instrumentos, medidas e actuacións de apoio á I+D+i que a Xunta de Galicia implantará no período 2025-2027 e detallar os fondos públicos que se destinarán a este fin.

Entre as principais novidades, atopamos a incorporación de iniciativas de alto impacto para a transformación tecnolóxica e social; a ampliación das actuacións para atraer talento científico e novas medidas de valorización do coñecemento.

O plan está coordinado coas estratexias e mecanismos de financiamento tanto a nivel europeo como nacional, buscando a optimización dos recursos e a máxima eficacia mediante sinerxías coas súas políticas e instrumentos.