Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral

Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 19/02/2024
Código do procedemento: IN606B
Prazo de presentación de solicitudes: do día 20/02/2024 ata o 19/03/2024

Cal é o obxecto destas axudas?

O programa de axudas á etapa de formación posdoutoral ten a finalidade de incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego. Deste xeito, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema, foméntase que as persoas seleccionadas para este programa:

  • Adquiran e perfeccionen as habilidades propias do persoal investigador doutor;
  • dispoñan de mobilidade internacional para mellorar a súa formación.

O obxectivo final é que poidan acceder a un posto de carácter estable grazas á formación e capacitación recibida durante os 6 anos do programa, divididos en dúas fases:

  • Primeira fase, durante os tres anos iniciais do programa, orientada á mellora das súas capacidades mediante a realización de estadías de investigación no estranxeiro
  • Segunda fase, durante os tres últimos anos do programa, na que este persoal investigador culminará a súa formación posdoutoral co establecemento dunha liña de investigación propia que lle axudará a consolidar a súa traxectoria científica.

Novidades desta convocatoria:

  • Aumentarase a duración das axudas ata un máximo de 6 anos, dividida en dúas fases cunha avaliación intermedia por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, en colaboración coa Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), sendo necesario obter unha avaliación positiva para o acceso á segunda fase da axuda.
  • En relación ás estadías, estas terán unha duración do seu período total de desenvolvemento dun mínimo de 20 meses e dun máximo de 24 meses de forma continuada. Este período terá as seguintes características:
  1. Cada estadía desenvolvida nun centro de investigación diferente (que poderá ser na mesma zona ou en zonas distintas) deberá ter unha duración mínima de 12 meses e máxima de 24 meses. Desta maneira, no caso de fragmentar o desenvolvemento das estadías de acordo co indicado neste parágrafo, deberanse realizar como mínimo dúas estadías de 12 meses cada unha.
  2. No caso de non fragmentar o período de estadía, esta terá unha duración mínima de 20 meses e máxima de 24 meses.
  3. As estadías deberán desenvolverse durante o período comprendido entre outubro de 2024 e setembro de 2026 (ambos os dous incluídos).

Quen pode solicitar estas axudas?

  • A Axencia Galega de Innovación financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
  • A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financia as universidades do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).

Tipo e intensidade da axuda:

  • Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
  • Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
  • Intensidade da axuda: 100 %
  • Duración das axudas: un máximo de 6 anos
  • Orzamento total: 14.966.500 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 2.746.500 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 12.220.000 euros)

Número e importe das axudas

Poderanse conceder ata 49 axudas, coa seguinte distribución:

  • 40 para as universidades do SUG, das cales 10 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
  • 9 para as demais entidades, das cales 2 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.

Os importes destas axudas son os seguintes:

Durante a primeira fase da axuda:

  • 32.000 € brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais
  • Un complemento por cada mes de estadía de:
    • 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1)
    • 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2)
    • 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3)
  • Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía nos EUA para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.
  • Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas.
  • Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato desta fase por expiración do tempo convido (no caso de que non se supere a avaliación intermedia), incluirase unha axuda total de 3.160,00 euros.

Durante a segunda fase da axuda:

  • 38.000 € brutos anuais, en concepto de salario e de custos sociais.
  • Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 5.000 euros en 2027, 10.000 euros en 2028, 10.000 euros en 2029 e 5.000 euros no 2030.
  • Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Ao termo do contrato por expiración do tempo convido está prevista unha axuda máxima de 7.000,00 € para cubrir o custo da indemnización. No caso de que a persoa investigadora contratada non supere a avaliación prevista ao termo da primeira fase, a indemnización ascenderá a un total máximo de 3.160 euros e aboarase co último pagamento desa fase da axuda.

A onde acudir?

Para solicitudes de organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal

Para solicitudes presentadas por universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG):

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE XESTIÓN CIENTÍFICO-TECNOLÓXICA
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995980
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal


Documentación e ligazóns