Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral

Programa: Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 30/01/2024
Código do procedemento: IN606C
Prazo de presentación de solicitudes: do día 31/01/2024 ata o 29/02/2024

Cal é o obxecto destas axudas?

Posibilitar a continuación da formación das doutoras e doutores que comezaron a súa formación posdoutoral, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Nesta convocatoria, poderán optar a estas axudas aquelas persoas investigadoras co grao de doutor que se atopen na data de peche da convocatoria nalgún dos seguintes supostos:

  • Que estiveran contratadas na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral de 2021 e que non renunciaran ao contrato.
  • Que estiveran contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2019, que tiveron unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizaron o contrato e que non se presentaron á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral de 2023.

As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei ou que non finalizaran o seu contrato antes da data do 1 de xullo de 2024, poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2025, de ser convocada. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2025, de ser convocada.

Novidades desta convocatoria

Como novidade nesta convocatoria, e de acordo coa modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, a duración destas axudas aumenta a un máximo de tres anos.

Quen pode solicitar estas axudas?

  • A Axencia Galega de Innovación financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
  • A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financia as universidades do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).

Tipo e intensidade da axuda

  • Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
  • Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
  • Intensidade da axuda: 100 %
  • Duración das axudas: un máximo de 3 anos
  • Orzamento total: 3.619.220 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 603.200 euros, namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 3.016.020 euros)

Número e importe das axudas

Un máximo de 23 axudas das que a previsión inicial de concesión é a seguinte:

  • 20 axudas para as universidades do SUG.
  • 3 para as demais entidades.

Os importes destas axudas son os seguintes:

  • Un total de 38.000 euros brutos anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
  • Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 5.000 euros no ano 2024, 10.000 euros no 2025, 10.000 euros no 2026 e 5.000 euros no 2027.
  • Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.
  • Unha axuda total de 3.800 euros para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato.

A onde acudir?

  • Para solicitudes de organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal

  • Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE XESTIÓN CIENTÍFICO-TECNOLÓXICA
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995980
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal


Documentación e ligazóns