Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 31/01/2022
Código do procedemento: IN606B
Prazo de presentación de solicitudes: do 01.02.2022 ao 28.02.2022
Cal é o obxecto destas axudas?
A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Ademais, as entidades solicitantes poderán presentar a persoas investigadoras que opten a acadar a condición de bolseiras Fulbright.
Novidades desta convocatoria
- Ao igual que na convocatoria anterior, a duración global da axuda segue a ser dun máximo de tres anos e as estadías se poderán desenvolver ao longo de todo o período.
- A duración das estadías será dun mínimo de 12 meses e un máximo de 24 meses, que se poderán levar a cabo nun período de 12 meses ou máis de maneira continuada, ou en dous períodos de 12 meses cada un. As solicitudes das persoas candidatas a obteren a condición de bolseiras Fulbright terán que desenvolver un período mínimo de 12 meses de estadía en EUA.
- Aumenta o importe anual en concepto de salario e de custos sociais.
- Co fin de dar cumprimento á Lei 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, nesta convocatoria introdúcense mecanismos correctores e obxectivos para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.
Quen pode solicitar estas axudas?
- A Axencia Galega de Innovación financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
- A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade financia as universidades do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).
Tipo e intensidade da axuda:
- Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
- Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
- Intensidade da axuda: 100 %
- Duración das axudas: un máximo de 3 anos
- Orzamento total: 7.420.500,00 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 1.360.500,00 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 6.060.000,00 euros)
Número e importe das axudas
Poderanse conceder ata 49 axudas, coa seguinte distribución:
- 40 para as universidades do SUG, das cales 10 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
- 9 para as demais entidades, das cales 2 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
Os importes destas axudas son os seguintes:
- 32.000 € brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais
- Un complemento por cada mes de estadía de:
- 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1)
- 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2)
- 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3)
- Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en EUA para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.
- Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas.
A onde acudir?
- Para solicitudes dos organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:
VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal
- Para solicitudes presentadas por universidades do Sistema Universitario de Galicia:
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE PLANIFICACIÓN E ESTRUTURACIÓN DA INVESTIGACIÓN
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995157 Fax: 881999135
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal
Documentación e ligazóns
Documentación para a xustificación da contratación das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral [1ª xustificación: desde a data de comezo dos contratos ata o mes de decembro de 2022, este incluído]
Documentación para a petición de libramento dos anticipos do segundo ano das axudas