Programa: Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 21/01/2022
Código do procedemento: IN606C
Prazo de presentación de solicitudes: do 22/01/2022 ao 21/02/2022
Cal é o obxecto destas axudas?
Posibilitar a continuación da formación das doutoras e doutores que comezaron a súa formación posdoutoral, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria. Nesta convocatoria, poderán optar a estas axudas aquelas persoas investigadoras co grao de doutor que se atopen na data de peche da convocatoria nalgún dos seguintes supostos:
- Que estiveran contratadas na modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2018 e que non renunciaran ao contrato.
- Que estiveran contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2017, que tiveron unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizaron o contrato e que non se presentaron á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral de 2021.
Novidades desta convocatoria
Co fin de dar cumprimento á Lei 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, nesta convocatoria introdúcense mecanismos correctores e obxectivos para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.
Quen pode solicitar estas axudas?
- A Axencia Galega de Innovación financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
- A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade financia as universidades do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).
Tipo e intensidade da axuda
- Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
- Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
- Intensidade da axuda: 100 %
- Duración das axudas: un máximo de 2 anos
- Orzamento total: 2.369.000,00 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 309.000,00 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 2.060.000,00 euros)
Número e importe das axudas
Un máximo de 23 axudas das que a previsión inicial de concesión é a seguinte:
- 20 axudas para as universidades do SUG.
- 3 para as demais entidades.
Os importes destas axudas son os seguintes:
- 38.000 € brutos anuais, en concepto de salario e de custos sociais.
- Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 7.000 euros en 2022, 10.000 euros en 2023 e 8.000 euros en 2024.
- Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.
A onde acudir?
- Para solicitudes de organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:
VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal
- Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE PLANIFICACIÓN E ESTRUTURACIÓN DA INVESTIGACIÓN
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995157 Fax: 881999135
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal
Documentación e ligazóns
Documentación para a xustificación da contratación das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral [de novembro de 2022 a abril de 2023, ambos incluidos]
Documentación para a xustificación da liña de investigación propia [anualidade 2023]