Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 27/01/2021
Códigos dos procedementos: IN606B
Prazo de presentación de solicitudes: 28/01/2021 a 01/03/2021
Cal é o obxecto destas axudas?
A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Ademais, nesta convocatoria as solicitudes presentadas por entidades alleas ao Sistema Universitario de Galicia (en adiante SUG), citadas no apartado seguinte, poderán presentar a persoal investigador que opte a contar co apoio da Comisión Fulbright e a obter a condición de bolseiros Fulbright.
Novidades desta convocatoria:
- A duración global da axuda segue a ser dun máximo de tres anos, pero elimínanse as fases pechadas e estancas de 2 anos no estranxeiro e un de retorno no sistema e substitúense por contratos de un máximo de tres anos de duración nos que as estadías se poden desenvolver ao longo de todo o período.
- Elimínase a limitación de estadías mínimas dun ano de duración en favor dunha distribución que permita realizalas nos períodos que as persoas contratadas e os seus centros de investigación precisen, tendo en conta que unicamente se financiarán ata un máximo de 24 meses.
- A convocatoria prevé varios sistemas para aqueles casos nos que, por razóns excepcionais, non sexa posible realizar estadías no estranxeiro e permitirá, en determinados supostos, que se poidan desenvolver en centros de I+D+i nacionais alleos á Comunidade Autónoma de Galicia.
- En consecuencia, modifícanse os conceptos retributivos con respecto a anteriores convocatorias e establécese unha axuda base de carácter salarial que se incrementará con complementos non salariais durante os meses que se permaneza en estadía.
Quen pode solicitar estas axudas?
- A Gain financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.
- A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financia as universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante SUG).
Tipo e intensidade da axuda
- Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
- Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
- Intensidade da axuda: 100 %
- Duración das axudas: un máximo de 3 anos
- Orzamento total: 6.920.700,00 euros (a achega por parte da Gain será de 1.268.700,00 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 5.652.000,00)
Número e importe das axudas
Poderanse conceder un máximo de 49 axudas, coa seguinte distribución:
- 40 para as universidades o SUG, das cales 10 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright
- 9 para as demais entidades, das cales 2 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
Os importes destas axudas son os seguintes:
- 28.600 euros brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais.
- Un complemento por cada mes de estadía de:
- 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).
- 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).
- 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).
- Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en EUA para as solicitudes de aquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.
- Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas.
A onde acudir?
Para solicitudes de entidades alleas ao SUG:
VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfono: 881999213 Fax: 981541039
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal
Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE PLANIFICACIÓN E ESTRUTURACIÓN DA INVESTIGACIÓN
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfono: 881995152 / 881995157 Fax: 881999135
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal
Documentación e ligazóns
Documentación para a xustificación da contratación das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral [2ª xustificación: meses de xaneiro a decembro de 2022, ambos incluídos]