Certamen de materiais innovadores de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia. Mediante esta iniciativa búscase identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.

O certame, organizado no marco do Programa de Deseño para a Innovación a través da Materioteca de Galicia, ten como obxectivo último identificar, potenciar e difundir os novos materiais creados en Galicia e poñer en valor o esforzo de I+D que se realiza neste campo desde as empresas e grupos de investigación.

Candidatos

Serán candidatos aos galardóns deste certame empresas e centros de coñecemento públicos e privados, cuxo domicilio social ou centro de traballo se atope en Galicia e que desenvolvesen un material innovador.

Categorías

  • Materiais obtidos de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción.
  • Materiais desenvolvidos por empresas ou por agrupacións de empresas para a súa comercialización.
  • Materiais desenvolvidos por grupos de investigación de centros de coñecemento públicos e privados (universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos), ben como resultado de proxectos individuais ou en consorcio con outros grupos ou entidades.
  • Materiais desenvolvidos por grupos mixtos formados por empresas e centros de coñecemento, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.

Distincións

A Axencia Galega de Innovación fará entrega das distincións honoríficas ás entidades responsables dos materiais gañadores durante un evento público. Estes materiais serán incluídos na exposición permanente e na base de datos da Materioteca de Galicia, así como nunha monografía especial que se editará tanto en papel como en formato dixital para darlle difusión dentro e fóra de Galicia.

Ademais, pasarán a formar parte da materioteca de Materially e serán promocionados mediante unha exposición itinerante por varias cidades de toda España, o que contribuirá a ampliar a difusión dos materiais distinguidos.

Proceso de presentación e documentación

Calquera persoa ou entidade pode propoñer o material ou materiais que considere acordes ás características de relevancia e innovación establecidas.

As propostas serán enviadas a materioteca@xunta.gal indicando o nome do material ou calquera referencia que permita a súa localización, así como a da empresa ou entidade responsable do seu desenvolvemento.

Os materiais propostos serán sometidos a unha preselección realizada polos técnicos da Materioteca de Galicia e, no caso de que reúnan uns mínimos requisitos de viabilidade, innovación e grao de desenvolvemento, serán invitados a formalizar a súa participación no certame mediante o envío de mostras e datos.

Unha vez documentados os materiais preseleccionados coa colaboración das empresas e entidades que os desenvolveron, estes serán sometidos á valoración dos membros do xurado, formado por profesionais de referencia neste ámbito en Galicia.

Os criterios de valoración por categorías terán en conta o grao de madurez tecnolóxica, o recoñecemento do sector, a sustentabilidade, a utilidade e hixiene sanitaria, o grao de innovación e se o material está patentado ou rexistrado.

Prazo

O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 24 de febreiro de 2021.

Detalle das bases e do procedemento

As bases completas e os detalles do procedemento e da documentación a presentar poden consultarse no seguinte link.

Contacto

Materioteca de Galicia
materioteca.gain@xunta.gal
+ 34 981 337 133
www.materioteca.gal