Proxectos europeos

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA aproveita a experiencia acumulada pola Axencia Galega de Innovación a través da súa participación en diversos proxectos europeos que permiten abrir para Galicia un contacto permanente coas tendencias e as prioridades no eido do deseño na UE.

Design4Innovation

O proxecto Design4Innovation, finalizado en 2023, impulsou o desenvolvemento de plans de acción para mellorar a competitividade das pemes europeas a través dun uso estratéxico do deseño. Ademais, facilitou a integración de instrumentos de apoio ao diseño nos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional [FEDER].

As actuacións que se levaron a cabo desde 2017 no marco do proxecto céntranse no intercambio interrexional de coñecemento para identificar as mellores prácticas neste eido.

O orzamento do Design4Innovation ascendeu a 1,8 millóns de euros, financiados polo Programa Interreg Europe. Nel participaron, ademais da Axencia Galega de Innovación, entidades doutras sete rexións europeas: BCD-Centro de Deseño de Barcelona, PDR [Universidade Metropolitana de Cardiff, Reino Unido], Flanders Innovación & Emprendemento [Bélxica], KEPA-Centro de Negocios e Desenvolvemento Cultural [Grecia], Axencia de Investimento e Desenvolvemento de Letonia, Axencia Cultural de Valletta [Malta] e Marshal’s Office da rexión de Silesia [Polonia].

User Factor

O proxecto User Factor centrouse durante a súa execución, desenvolvida entre 2018 e 2021, en fortalecer a innovación na Área Atlántica transferindo modelos de programas de apoio ao deseño entre axencias rexionais de innovación.

User Factor contou cun orzamento de 2 millóns de euros financiados polo Programa Interreg da Área Atlántica. A través de workshops de intercambio de coñecemento, os socios do proxecto traballaron na identificación de boas prácticas en apoio ao deseño e a innovación, no desenvolvemento de programas piloto usando a metodoloxía do deseño de servizos e na implementación destes nas 200 pemes participantes.

Ademais da Axencia Galega de Innovación en representación de Galicia, participaron entidades doutras sete rexións europeas: Innovalia [Euskadi], PDR [Universidade Metropolitana de Cardiff, Reino Unido], Scottis Enterprise [Reino Unido], Enterprise Ireland [Irlanda], Departamento de Finanzas de Irlanda do Norte, Cámara de Comercio e Industria da Bretaña [Francia] e Sociedade Portuguesa de Innovación.