Publicacións e mostras

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA contempla entre as súas prioridades darlles visibilidade aos referentes do pasado e do presente para poñer en valor o papel do deseño galego como motor de competitividade.

Neste contexto, o programa inclúe unha liña editorial e expositiva con publicacións e mostras dirixidas a profesionais do deseño, empresas, estudantes e todas aquelas persoas interesadas en explorar casos de éxito que ilustran os fitos máis relevantes da historia do deseño galego e tamén os que están a marcar o panorama actual.

Mostras

Galicia. Procesos e formas

A exposición de gran formato protagonizou a programación de actividades coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale 2023.

Na mostra, comisariada por David Barro, trazábase un percorrido polo pasado, presente e futuro do deseño galego, a través das achegas de 140 profesionais e empresas que son referentes na aposta polo deseño como motor de innovación dende os anos 20 do século pasado ata o presente.

Estivo aberta entre outubro e decembro de 2023 na Galería Municipal de Matosinhos.

Esta exposición foi coproducida pola Porto Design Biennale e a Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación DIDAC.

Formas propias. Deseño para a Innovación

A exposición nútrese de deseños galegos históricos, reflexións plásticas e visuais de deseño e sostibilidade, materiais innovadores e exemplos de empresas que están a apostar pola innovación co deseño como motor.

A mostra permite percibir como a innovación está ligada ao territorio e trata de reflectir tamén a importancia dunha innovación disruptiva, que é a que cambia os paradigmas dende a creatividade.

A exposición permaneceu aberta ao público na Fundación DIDAC, en Santiago de Compostela, durante mes e medio a finais de 2022.

Canteira de innovación e materiais de Galicia

Unha selección de preto de vinte materiais innovadores creados na contorna rural galega compoñen a mostra, que xa formou parte do Festival de innovación fronte á despoboación da Fundación Cotec, o Encontro de deseño para a innovación empresarial e outras iniciativas.

Canteira de innovación e materiais de Galicia“ inclúe as propostas de RIR & Co, Io Morales, Tsubaki Diseño, NorPromenade, Mámoa Deseños Vivos, Mar de Miranda, Ibérica de Esponjas, Atalanta Madera, Timbersoul by Cándido Hermida, Betanzos HB, Idoia Cuesta, Cholita, Eferro, Landra Típica, Ecocelta e Ecoplas Barbanza.
Canteira de innovación e materiais de Galicia

Publicacións

Galicia. Procesos e formas

Versión en galego do extenso ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia coeditado por Experimenta e a Porto Desing Biennale, con motivo da elección de Galicia en calidade de representante de España como país invitado da bienal en 2023.

De forma análoga á exposición que leva o mesmo nome, nesta publicación analízase de onde vimos, quen somos e a onde imos como territorio no que o deseño, dende a Galicia industrial de principios do século pasado ata as propostas máis recentes, impacta de xeito decisivo no desenvolvemento socioeconómico e cultural do país.

Visualiza e descarga aquí Galicia. Procesos e formas (pdf).

Galicia. Procesos e formas

ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia

Compendio de casos de éxito que representa unha oportunidade para entender como Galicia ten todo a favor para ser un referente no campo do deseño para a innovación: o talento dos profesionais do deseño galego, a experiencia das empresas que incorporan o deseño e os recursos e materiais naturais e sostibles.

ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia é unha publicación viva que nace con 140 referencias, coa vocación de incorporar novas entradas progresivamente a través dun proceso de actualización continua.

Visualiza e descarga aquí ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia (pdf).
ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia

Galicia. O deseño como motor

A perspectiva histórica ofrecida na publicación Galicia. O deseño como motor permite facerlles xustiza ás empresas galegas que tiveron a visión de usar o deseño para crecer en capacidade innovadora e competitividade, así como aos profesionais que o fixeron posible.

Tomando como punto de partida a visión de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane como referentes imprescindibles, faise un percorrido polo legado do Laboratorio de Formas de Galicia, o cartelismo comercial, a imaxe de marcas dos pioneiros industriais, a identidade e a normalización do deseño. Todo isto ilústrase cos iconos do deseño galego asociados a empresas e marcas como Sargadelos, Massó, Mondariz, Miau, Finsa, Zeltia, Inditex, Estrella Galicia, Televés e moitas outras.

Visualiza e descarga aquí Galicia. O deseño como motor (pdf).
Galicia. O deseño como motor

O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia

A publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia explora os proxectos e iniciativas de compañías galegas líderes que xa contan cunha dilatada traxectoria en termos de aposta estratéxica polo deseño como ferramenta de competitividade.

Estrella Galicia, Finsa, Selmark, Pazo de Vilane, Bico de Xeado, D-due, Cabreiroá, Paco y Lola, Castrosúa, Martínez Otero e Orballo son só unha pequena mostra dos referentes presentes neste libro. A través da análise das súas experiencias de éxito, esta publicación non só persegue a posta en valor destas, senón tamén o efecto inspirador que poden exercer sobre outras empresas galegas.

Visualiza e descarga aquí O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia (pdf).
O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia

Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID

Catorce profesionais galegos de referencia a nivel nacional e internacional no campo do deseño estratéxico ofrecen a súa visión sobre o escenario aberto pola crise do coronavirus na publicación Futuros Posibles: Deseño para a Innovación na era pos-COVID.

Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Nuria Carballo, Noemí Cortizas, Rubén Ramos Balsa, Pablo García-Bodaño, Dani Bembibre, David Silvosa, Roberto Núñez, Iván Mato, Coca Rivas, Anxo López e Marta Verde constrúen esta visión colectiva moderada por David Barro na que se explora o futuro do deseño estratéxico, o deseño de servizos, o deseño de experiencias, o deseño gráfico e a comunicación, o deseño de espazos e o deseño industrial.

Visualiza e descarga aquí Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID (plataforma de visualización online e descarga en pdf).
Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID