Vivir en Galicia

Galicia ocupa unha superficie de 30.000 quilómetros cadrados no noroeste da Península Ibérica, con boas comunicacións con Portugal e co resto de España por carretera, tren e avión. Os seus tres aeroportos, situados en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, están interconectados por autopista e teñen voos directos a destinos de toda Europa.

A sanidade e a educación públicas, xunto coa elevada calidade de vida e o alto índice de seguridade, fan de Galicia un lugar ideal para vivir en familia. Traballar en calquera das súas cidades permite a opción de instalarse no campo grazas ás excelentes comunicacións e a habitual fluidez do tráfico.

O clima de Galicia é predominantemente oceánico, con temperaturas suaves na primavera e no verán e chuvias frecuentes no outono e no inverno. Os seus 1.500 quilómetros de costa, con máis de cen praias acreditadas coa bandeira azul, son un aliciente para a vida ao aire libre, ao igual que os seus numerosos bosques, parques naturais, reservas da biosfera e espazos protexidos.

O patrimonio histórico e cultural galego, co Camiño e a Catedral de Santiago á cabeza, ofrece innumerables recursos para encher o tempo libre con tesouros ancestrais, moitos deles aínda por descubrir para os propios galegos.

A afamada oferta gastronómica de Galicia complétase cunha amplísima dispoñibilidade de produtos frescos procedentes da pesca, da agricultura e da gandería locais, idóneos para seguir a saudable dieta atlántica.