Axudas orientadas a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras.
Concesión de axudas para fomentar o investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0, todo isto incluído no plan de acción da RIS3 de Galicia.
axudas.gain@xunta.gal
981 95 73 03
981 95 78 72
881 99 93 55
Deberán ser proxectos empresariais de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, con un orzamento subvencionable mínimo de 2.000.000 de euros e un máximo de 10.000.000 de euros. Poderán ser proxectos individuais dunha empresa ou en cooperación.
Debido ao efecto incentivador que establece o Regulamento (UE) nº 651/2014, a data de inicio do proxecto debe ser posterior á da presentación da solicitude da subvención.
A duración mínima dos proxectos será de tres anualidades e a máxima estenderase ata o 30 de xuño de 2022.
Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación en materia de organización e procesos.
A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) 651/2014, de acordo coa seguinte táboa:
Categoría predominante do proxecto / da participación dun membro da agrupación no caso de proxectos en cooperación | Pequena empresa | Mediana empresa | Grande empresa |
---|---|---|---|
Investigación industrial | 70% | 60% | 50% |
Desenvolvemento experimental | 45% | 35% | 25% |
Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s dun mesmo grupo empresarial e un organismo de investigación e difusión, tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación | 80% | 75% | 65% |
Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s dun mesmo grupo empresarial e un organismo de investigación e difusión, tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación | 60% | 50% | 40% |
Innovación en materia de procesos e organización | 50% | 50% | 15% |
Axudas cofinanciadas no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 en réxime de concorrencia competitiva.