Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as


Finalidade do premio


Galicia é referente a nivel estatal no ámbito da Compra Pública Innovadora (CPI). Co obxectivo de consolidar esta posición, así como xerar unha contorna facilitadora no deseño das políticas públicas e na práctica administrativa, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Programa Integral de Impulso da Compra Pública Innovadora (Innpulsa CPI).

As persoas son quen constrúe a innovación nas organizacións, daí a necesidade de desenvolver iniciativas que motiven, sensibilicen e incentiven ao persoal ao servizo da Administración pública que participan nos procesos de innovación.

Con este fin xorde este premio, que ten como finalidade recoñecer o compromiso e a actitude innovadora dos persoal ao servizo da Xunta de Galicia, que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.


Persoas beneficiarias


Persoal ao servizo da administración da Xunta de Galicia e dos seus entes instrumentais, que poderá postularse de xeito individual ou en grupo (2-5 persoas).


Categorías


O Premio consta de dúas categorías:

  • Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. As persoas interesadas en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática, así como argumentar a necesidade de resolución da mesma.

  • Proxectos innovadores: nesta categoría premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. As persoas interesadas deberán detallar o proceso, expor os puntos considerados fundamentais e xustificar a innovación do proxecto. Nesta categoría búscase recoñecer dous aspectos por separado:
    • Temática máis innovadora: premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.
    • Mellor actitude innovadora: premiarase a aquelas persoas polo seu bo facer dentro do proxecto, como, por exemplo, na innovación de procesos.


Premios


Establécense os seguintes premios:

  • Na categoría de identificación de oportunidades: as persoas que gañen conseguirán un asesoramento personalizado, de aproximadamente 60 horas, no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento.

  • Na categoría de proxectos innovadores: para ámbolos dous aspectos recoñecidos, temática máis innovadora e mellor actitude innovadora, poderán optar a unha visita a un laboratorio de innovación internacional, para coñecer outras iniciativas de innovación. O premio inclúe o desprazamento, o aloxamento e a dieta. Tamén se opta a participar nun curso personalizado en innovación.

Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas públicas e diploma acreditativo.


Presentación de candidaturas


A presentación de candidaturas farase a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (procedemento IN822D) no prazo de dous meses dende o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia [DOG, Nº47 do 7 de marzo de 2019].

Documentación a presentar:

  • Formulario de solicitude (anexo I):
    • No caso dun equipo: deberanse incluír datos identificativos da persoa designada como representante e do resto dos integrantes do equipo. Ademais, deberase cubrir a ficha de postulación e, opcionalmente, achegar documentación adicional en soporte dixital e un vídeo optativo no que se expliquen os motivos da mesma.
    • No caso dunha persoa individual: incluirase os datos identificativos da persoa interesada, a ficha de postulación e, opcionalmente, documentación que aporte máis información sobre a oportunidade identificada ou o proxecto innovador en soporte dixital e un vídeo optativo no que se expliquen os motivos da mesma.
  • De xeito opcional, poderase achegar a seguinte documentación complementaria:
    • Memoria que aporte máis información sobre a súa candidatura.
    • Vídeos presentando a súa candidatura ou presentacións sobre esta.

A documentación complementaria deberá presentarse tamén por vía electrónica, agás se supera o tamaño máximo permitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (50MB) ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia.


Preguntas Frecuentes


Podes acceder ás preguntas frecuentes nesta ligazón.


Ligazóns