Programa Deseño para a Innovación 2020

O Programa de Deseño para a Innovación 2020 é unha novidosa ferramenta da Xunta para impulsar o crecemento da economía galega. O seu obxectivo é fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes.

O deseño é unha actividade clave para levar as ideas ao mercado en forma de produtos e servizos máis atractivos e fáciles de usar. A pesar de que as estatísticas europeas recollen que as empresas que incorporan o deseño na súa estratexia de negocio crecen o dobre, a súa implantación xeneralizada é unha tarefa pendente a nivel global.

Neste contexto, o Programa de Deseño para a Innovación 2020, nace da vontade de adaptarse ao consenso internacional en abordar o deseño de xeito específico nas políticas públicas de innovación, así como do compromiso da Axencia Galega de Innovación coa I+D+I orientada ás persoas.

Esta iniciativa, que forma parte do Plan Galicia Innova 2020, busca dotar o tecido empresarial galego dos medios necesarios para incorporar de xeito efectivo o deseño en todas as súas vertentes (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia). Neste marco, os seus obxectivos son:

  • Mellorar o coñecemento e a consideración do deseño como factor estratéxico máis alá do seu valor estético.
  • Capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e o apliquen á innovación en novos produtos e servizos, procesos e estratexias de negocio.
  • Poñer en valor a figura do deseñador como elemento de competitividade.

Para abordar estes retos, as actuacións contempladas no Programa de Deseño para os próximos tres anos concéntranse en:

  • Ferramentas de difusión de boas prácticas e de visibilización de casos de éxito empresariais en materia de deseño.
  • Creación e dinamización da rede de axentes de deseño.
  • Accións de divulgación do deseño nas empresas, incluíndo a formación e implementación de metodoloxías de deseño.
  • Activación de axudas para incentivar o papel do deseño no emprendemento e no impulso do talento e da empregabilidade na contorna empresarial.
  • Incorporación do deseño nas propias administracións públicas.
  • Impulso da internacionalización do deseño galego.

O Programa busca involucrar a todos os axentes do Sistema de Innovación, centrándose nas empresas e nos estudios e profesionais do deseño, pero incluíndo tamén os centros de coñecemento, os colexios e asociacións profesionais e as administracións públicas.

O novo Programa é un eixe de actuación propio que vén complementar a experiencia de Gain en dous proxectos europeos iniciados entre 2017 e 2018: o Design4Innovation e o User-Factor . A participación nestas dúas iniciativas —xunto con entidades doutros 9 países– garanten para Galicia un contacto permanente coas tendencias e as prioridades no eido do deseño na UE.

A primeira acción do Programa é a celebración do I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, un evento que se celebra con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial para poñer en contacto a profesionais deste sector con empresas innovadoras galegas.