Diferentes estratexias de especialización

No seu documento SEC (2010) 1183 de acompañamento á Comunicación “Contribución da Política Rexional ao crecemento intelixente no marco de Europa 2020” e noutros documentos posteriores, a Comisión diferencia entre 4 tipos de estratexias S3:

1. Reorganización, redeseño dun sector (“retooling”): modernización dun sector existente

Trátase de revitalizar unha industria existente a través da incorporación ou o desenvolvemento de coñecementos e aplicacións de tecnoloxías de utilidade xeral que permiten mellorar o proceso de difusión ou desenvolver novos produtos. Neste caso, especialización intelixente significa que unha nova área de especialización en investigación e innovación xorde para encaixar cunha importante área de especialización nunha rexión.

Exemplos:

  • na rexión de Braga, estanse desenvolvendo procesos de “retooling” aplicando nanotecnoloxías ao sector agroalimentario, co obxectivo de mellorar o control de calidade na produción de queixo, viño e aceite de oliva
  • a industria finesa do papel asumiu a nanotecnoloxía como unha fonte prometedora de aplicacións innovadoras, investindo as súas empresas en investigación tanto para implementar as tecnoloxías dispoñibles como para explorar os recentes avances en nanotecnoloxía e biotecnoloxía
  • en Galicia estase aplicando a biotecnoloxía á explotación de recursos marítimos.

2. Co-emerxencia dunha innovación e dun sector de actividade relacionado (“co-emergence”): transición a un sector novo

O desenvolvemento dunha innovación fai viable unha actividade económica e permite o desenvolvemento de novos mercados que se converten en rendibles e atractivos pola innovación aplicada. Aínda que existan recursos e oportunidades de mercado, o feito de que non haxa industria, ou que esta sexa débil, fai que sexa difícil que a especialización emerxa de forma espontánea ou que sexa identificada polos empresarios, sendo necesarios enfoques de política totalmente diferentes.

Exemplo:

  • o desenvolvemento de aplicacións de TIC para a xestión e o mantemento do patrimonio histórico e arqueolóxico en Florencia é un exemplo de co-emerxencia dun nicho de I+I e un sector de actividade

3. A extensión e a diversificación da base de coñecemento rexional a outros sectores conexos (“extending”): diversificación por sinerxías

Mediante a explotación das economías de alcance, as transferencias de coñecemento intrarrexionais e as sinerxías potenciais que se poden desenvolver a partir de actividade ou polos de coñecemento tanto existentes como emerxentes, pódese impulsar novos sectores. A vantaxe comparativa que se aproveita neste tipo de estratexia de especialización está en consecuencia directamente relacionada coa existencia dun área forte de especialización en investigación e innovación que facilitará o desenvolvemento do sector novo. O papel dos empresarios é menos obvio debido a que explorar novas áreas é más arriscado e incerto.

Exemplo:

  • a rexión de Toulouse presenta unha forte especialización en aeronáutica (o Airbus Valley), ligada á presenza da sede mundial de Airbus e á maior concentración de coñecemento en aeronáutica de Europa. Nos últimos anos deuse unha ampliación das actividades empresariais, os centros de investigación e as universidades da área cara satélites e tecnoloxías GPS.

4. Conexións transectoriais (cross-sectoral): fundación radical

A combinación de sectores existentes pode xerar ideas innovadoras para novos produtos e servizos, permitindo que emerxan actividades completamente novas. En tal sentido, a cooperación trans-sectorial (ou entre clusters) é un mecanismo para xerar ideas para novas aplicacións innovadoras e solucións integradas.