A Comisión Europea recolleu o concepto de estratexia de especialización intelixente en diferentes documentos de referencia de 2010 en relación tanto coa política de innovación da Unión como coa Política Rexional:
Xa en 2009, o Informe Barca recolle a idea de especialización intelixente e a necesidade de incorporalo como obxectivo.
“As políticas localizadas son complexas e arriscadas. Existen serios riscos de errar na distribución dos recursos, creando unha cultura da dependencia e favorecendo aos buscadores de rendas sobre os innovadores. 1”
“En liña coa idea de especialización intelixente, é necesaria unha política que se corresponda co esforzo de establecer un Espazo Europeo de Investigación (ERA) e promova o uso da base de coñecemento das rexións para adaptar a intervención ao potencial innovador; unha política que concentre o financiamento nun número limitado de áreas seleccionadas en cada rexión, nas que a innovación poida desenvolverse de forma útil. 2”
“É un obxectivo difícil de conseguir, debido a que, cando unha rexión está lonxe da fronteira tecnolóxica, o problema clásico da información incompleta e asimétrica vese agravado por unha falta de referencias para identificar os estándares internacionais de excelencia. Non obstante, non hai alternativa a intentalo se se persegue unha estratexia europea. O obxectivo é difícil pero non imposible, xa que se poden deseñar mecanismos de selección e incentivos para axudar a concentrar as intervencións. 3”
Na Comunicación “Iniciativa emblemática de Europa 2020. Unión para a innovación”, recóllense o compromiso de dar un papel máis relevante á innovación e a especialización intelixente na política rexional e os Fondos Estruturais.
“24. A partir de 2010: os Estados membros deberían utilizar moito mellor os Fondos Estruturais para proxectos de investigación e innovación, axudando á xente a adquirir as capacidades necesarias, mellorando o rendemento dos sistemas nacionais e aplicando estratexias de especialización intelixente e proxectos transnacionais. Isto debería aplicarse tamén ao financiamento de preadhesión destinado aos países candidatos. A Comisión está disposta a axudar e utilizará as súas iniciativas de investigación rexional e clúster para contribuír a este cambio e establecer unha «plataforma de especialización intelixente» antes de que finalice 2012, en especial apoiando a xeración de clústers de talle mundial. 4”
“25. Os Estados membros deberían comezar a preparar programas de Fondos Estruturais para despois de 2013 cunha maior énfase na innovación e a especialización intelixente. Os próximos regulamentos que rexan o funcionamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional deberían seguir comprometendo recursos financeiros substanciais para apoiar iniciativas de innovación nas rexións da Unión Europea. 5”
O concepto de Especialización Intelixente é incorporado pola Comisión Europea a dous niveis:
Así, na devandita Comunicación COM (2010) 553 sobre “Contribución da Política Rexional ao crecemento intelixente no marco de Europa 2020” proponse unha doble estratexia, separando os obxectivos de Programa Cadro dos de Fondos Estruturais.
“Mentres que [o Programa Cadro] debería seguir centrándose en apoiar a excelencia, a aprendizaxe mutua e a cooperación de investigadores e empresas a escala da UE, a Política Rexional debería continuar focalizando o seu apoio en velar por que todas as rexións sexan capaces de absorber a innovación e darlle un uso eficaz, de forma que os seus beneficios se difundan por toda a UE, axudando a maximizar o seu potencial de coñecemento. 6”
En consecuencia, a Política Rexional debe conseguir maximizar o seu impacto a través da especialización intelixente, identificando as actividades con alto valor engadido que ofrecen as mellores oportunidades para incrementar a competitividade dunha rexión e concentrando os recursos en prioridades claves en vez de dispersalos en diversos ámbitos e sectores empresariais.
“En consonancia, os gobernos nacionais e rexionais deberían desenvolver estratexias de especialización intelixente para maximizar o impacto da Política Rexional en combinación con outras políticas da UE. As estratexias de especialización intelixente poden garantir un uso máis eficaz dos fondos públicos e estimular o investimento privado. Poden axudar ás rexións a concentrar os recursos nunhas cantas prioridades clave en lugar de investir pequenas cantidades en diversos ámbitos e sectores empresariais. Así mesmo, poden ser un elemento clave no desenvolvemento do goberno a varios niveis nas políticas de innovación integradas. Por outro lado, teñen que estar estreitamente vinculadas a outros ámbitos políticos e é necesario, ademais, que comprendan os puntos fortes rexionais relativos a outras rexións e ás posibles vantaxes da cooperación interrexional e transnacional. 7”
Lonxe de ser unha estratexia imposta dende fóra, a S3 debe ser un proceso propio de descubrimento emprendedor:
“Máis que unha estratexia imposta dende arriba, a especialización intelixente supón a colaboración entre empresas, centros de investigación e universidades para identificar as áreas de especialización máis prometedoras dunha rexión, así como os puntos débiles que obstaculizan a innovación. 8”
Non obstante, a Comisión incide en que o intelixente é adaptar a estratexia e as súas ambicións ás capacidades reais de cada rexión.
“A especialización intelixente ten en conta as diferentes capacidades das economías rexionais en materia de innovación. Se ben as rexións punteiras poden investir en promover unha innovación tecnolóxica xenérica ou de servizos, para outras, investir na súa aplicación nun sector determinado ou en sectores conexos a miúdo resulta máis proveitoso. 9”
A Comisión recoñece as dificultades inherentes á aplicabilidade dunha estratexia deste tipo.
“A sostibilidade da estratexia dependerá do grao de oportunismo e coordinación das medidas, así como do goberno, incluído o modo de comprometer ás partes interesadas. Deberá incluír mecanismos de aprendizaxe de políticas, en particular a través de revisións por pares, nas que participen funcionarios públicos, profesionais e partes interesadas rexionais. A especialización intelixente ten que explotar a diversidade rexional, estimular a cooperación a través das fronteiras nacionais e rexionais e ofrecer novas oportunidades, evitando a fragmentación e garantindo un fluxo máis libre do coñecemento a través da UE.”
1 Fabrizio Barca, An Agenda for a Reformed Cohesion Policy (2009), p. XI
2 Fabrizio Barca, An Agenda for a Reformed Cohesion Policy (2009), p. 131
3 Fabrizio Barca, An Agenda for a Reformed Cohesion Policy (2009), p. 131
4 COM (2010 )546, p.23
5 COM (2010) 546, p.23
6 COM (2010) 553 p. 5
7 COM (2010) 553 p. 7
8 COM (2010) 553 p. 7-8
9 COM (2010) 553 p. 8