En 2005, a Comisión Europea creou o Grupo de expertos independentes K4G para asesorala sobre como valorizar mellor o coñecemento…
En 2005, o daquela Comisario Europeo de Ciencia e Investigación, Janez Potocnik, creou o Grupo K4G, “Knowledge for Growth”, composto por 17 eminentes economistas independentes co obxectivo de asesoralo sobre a contribución que o coñecemento pode facer ao crecemento sostible e a prosperidade, así como sobre os aspectos políticos relacionados no marco da Estratexia de Lisboa. O presidente do Grupo foi o Comisario e o vice-presidente o profesor Foray.
…unha das principais propostas que o Grupo K4G formulou foi o de especialización intelixente en actividades de investigación e innovación, con especial importancia nas rexións non líderes en ciencia e tecnoloxía.
Un dos temas importantes expostos polo Grupo K4G foi o da especialización intelixente en actividades de investigación e innovación, de forma especialmente crucial no caso das rexións que non son líderes en ningunha das principais áreas da ciencia. O concepto de especialización intelixente foi proposto inicialmente polos profesores Foray e van Ark e desenvolvido en colaboración con David, Hall e outros membros do K4G, sendo recollido en dous dos nove informes políticos que o devandito Grupo produciu entre 2006 e 2009, en particular no nº 9 (“Smart Specialization – The concept”).
Para o Grupo K4G, a especialización intelixente é unha especialización relacionada con áreas de coñecemento, industria e potencialidades de I+D+I.
A formulación do Grupo K4G é unha especialización rexional que non é só industrial e sectorial, senón tamén de áreas de coñecemento: unha especialización de investigación e innovación. Máis en concreto, nas formulacións orixinais, a especialización territorial á que se alude é principalmente a relativa ao posicionamento das rexións en torno ás tecnoloxías de uso xenérico e as súas vantaxes potenciais para rexenerar as áreas económicas que se consideren estratéxicas.
A Comisión asumiu politicamente a formulación de Estratexia Intelixente do Grupo K4G, flexibilizando o concepto.
No seu documento SEC (2010) 1183 de acompañamento á Comunicación COM (2010) 553 “Contribución da Política Rexional ao crecemento intelixente no marco de Europa 2020” e noutros documentos posteriores, a Comisión asumiu o concepto de S3 dentro das súas estratexias de crecemento e de cohesión.