Por que nace?

Durante as últimas décadas, Europa veu presentando un problema serio de perda de competitividade en relación aos seus competidores…



O concepto de especialización intelixente foise xerando a partir das análises do diferencial de produtividade e competitividade entre Europa e os EE.UU., que se fixo evidente a favor de esta última a partir de 1995.

… as análises identificaron a causa nunha menor emerxencia en Europa da economía do coñecemento…



As debilidades de fondo da UE en relación a EE.UU. identificáronse en:

  • Europa ten no seu tecido industrial unha presenza maior de sectores tradicionais, de tecnoloxía media e baixa, o que implica unha menor capacidade de converter a I+D+I en valor.
  • Aínda comparando un mesmo sector, Europa presenta unha menor capacidade de xerar valor a partir da I+D+I

…cuxas raíces están na súa menor integración económica e nunha atomización na xeración do coñecemento.



A maioría das análises apuntaron aos aspectos de escala e integración como causas da menor capacidade innovadora de Europa. A economía de EE.UU. é algo máis pequena que a europea, pero presenta graos de integración moito máis intensos. En especial Europa presenta unha urxente necesidade de integración, de economías de escala maiores e de coherencia nas actividades xeradoras e diseminadoras de coñecemento, a través do desenvolvemento de aglomeracións intensivas en coñecemento e sistemas de redes transfronteirizas de investigadores, universidades, empresarios e innovadores.

Segundo as análises realizadas pola Comisión Europea, en moitas rexións europeas as estratexias de desenvolvemento de I+I, a miúdo elaboradas de forma externa aos propios actores rexionais, non están verdadeiramente adaptadas á súa realidade…



Segundo os informes e análises realizadas pola Comisión Europea, na maioría das rexións europeas as prioridades de I+D e innovación defínense de forma pouco creativa, imitando o que fan os líderes, de forma que se dá unha uniformización da base de coñecemento europea e unha perda de oportunidades de diferenciación entre rexións. O feito de que, en moitos casos, as estratexias son elaboradas por entidades externas ao propio tecido produtivo e ao sistema de I+D+I, contribúe de maneira importante a esta homoxeneización, dado que simplemente se reproducen de xeito mecánico as estratexias que tiveron éxito nas rexións punteiras, sen estar realmente conectadas e adaptadas á súa realidade.

… porque se todos fan o mesmo, só uns poucos poden ter éxito…



Se todas as rexións traballan nas mesmas liñas en termos de innovación, os mellores recursos concentraranse nunhas poucas rexións más atractivas, drenando capacidades das rexións máis débiles, e o gasto en I+D+I nas rexións non líderes será ineficiente e ineficaz.

… mentres se se especializan non compiten directamente polo mesmo espazo.



En cambio, cunha axeitada diversificación, as rexións poderían xerar áreas de especialización específicas, que competirían en espazos do coñecemento sensiblemente diferentes, non replicando senón diferenciando. Os investimentos en I+D+I terían unha eficacia maior.