Que é a S3?

Co acrónimo S3 ou RIS3 coñécense as Smart Specialisation Strategies (Estratexias de Especialización Intelixentes) ou Research and Innovation Strategies (*Estratexias de Investigación e Innovación*).

  • A especialización intelixente é un enfoque estratéxico para o desenvolvemento económico a través do apoio á I+I.
  • Implica un proceso de desenvolvemento dunha visión, identificando vantaxes competitivas, establecendo prioridades estratéxicas e facendo uso de políticas intelixentes para maximizar o potencial de desenvolvemento baseado no coñecemento de calquera tipo de rexión, forte ou débil, de alta tecnoloxía ou baixa.
  • Será a base sobre a que se establecerán os investimentos en I+I dos Fondos Estruturais para o período de programación 2014-2020 como parte da contribución da futura Política de Cohesión á Estratexia Europa 2020 para o crecemento e o emprego.

A especialización intelixente enténdese non tanto como o impulso a unha especialización pura que explote as economías de localización, senón como unha “especialización diversificada”. Para a Comisión, as rexións deben perseguir unha carteira diversificada de actividades relacionadas, encontrando un equilibrio entre especializarse o suficiente para ser competitivas, pero non tanto como para dificultar a diversificación e expoñer a rexión aos riscos de cambios nas condicións dos mercados ou en outros feitos externos e impredicibles. As S3 deberían estar integradas polo conxunto de actuacións emprendidas para avanzar cara esa diversificación especializada.

Resumindo, a estratexia de especialización intelixente quere facer fronte a tres problemáticas:

  • Fragmentación dos esforzos en materia de apoio á innovación
    Numerosas rexións non concretan o suficiente a súa política de apoio á innovación, dispersando o seu apoio entre un número demasiado alto de sectores ou en sectores que non dispoñen de suficientes vantaxes competitivas. Esta dispersión ou esta orientación defectuosa dos fondos non permite conseguir a masa crítica necesaria para desenvolver un nivel de excelencia abondo para ser competitivos a nivel europeo ou mundial. Parece necesario que as rexións concentren os seus esforzos en certos nichos nos que teñen unha oportunidade competitiva
  • Especialización de todas as rexións en áreas semellantes
    As rexións teñen tendencia a por en marcha estratexias de innovación que apostan por sectores similares, debido a que o exemplo das rexións más exitosas é seguido polas demais. En consecuencia, desenvólvense polos concorrentes activos nos mesmos sectores, mentres que tan só un número limitado deles conseguirán efectivamente converterse en centros de excelencia competitivos a nivel mundial
  • Desenvolvemento de estratexias de innovación non realistas nas rexións menos avanzadas
    A miúdo as rexións non formulan estratexias de innovación realistas, adaptadas ás súas capacidades e recursos, e con obxectivos alcanzables.