O proceso da S3 en Galicia

A Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa Dirección Xeral de Fondos Comunitarios e outros departamentos da Xunta de Galicia, é a responsable de desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia.

Para tal fin, a Axencia Galega de Innovación está integrada na Plataforma de Especialización Intelixente S3 da Comisión Europea.

A elaboración da S3 é un proceso participativo, polo que está aberto á participación pública para o seu enriquecemento.

O proceso de deseño da S3 supón establecer:

  • onde estamos
    avaliar o potencial de especialización intelixente considerando o potencial innovador da rexión, o tamaño do ecosistema ou sectores rexionais, a natureza de vantaxes competitivas existentes ou futuras e o posicionamento internacional;
  • onde queremos ir
    identificar cales son os investimentos adicionais necesarios, tanto tanxibles como intanxibles, poñendo especial atención naqueles que faciliten a conexión entre diferentes áreas de negocio e de coñecemento;
  • como chegar
    articular o proceso de descubrimento emprendedor, estruturando o traballo das empresas e organizacións clave implicadas;
  • como parar a tempo
    definir os indicadores de seguimento e as posibles alternativas en caso de non lograr os obxectivos.

O proceso de descubrimento empresarial debe desenvolverse dende a perspectiva das catro posibles rutas de especialización:

  • a modernización (retooling)
    mediante a incorporación de novas tecnoloxías;
  • a transición (co-emergence)
    dende sectores tradicionais a novas áreas máis competitivas;
  • a diversificación (extending)
    a partir de especializacións existentes
  • o cambio radical (cross-sectoral)
    desenvolvendo novos sectores.

Para a elaboración da RIS3 de Galicia tomouse como punto de partida o Plan I2C 2011-2015 e unha avaliación actualizada do sistema rexional de innovación e dos propios sectores interesados na estratexia mediante a identificación de potencialidades e fortalezas existentes e a detección de lagoas e colos de botella no sistema rexional de innovación.

A partir de aí, púxose en marcha un proceso interactivo, baseado na construción dunha converxencia entre todos os organismos e entidades que participan na súa concepción, execución e monitorización. Por tanto, a participación dos actores e institucións relevantes dos ámbitos de interese é unha cuestión clave para unha correcta elaboración da estratexia e para asegurar o éxito da mesma.

Os grupos de referencia que deben involucrarse na elaboración da estratexia son os integrantes da tripla hélice do sistema rexional de innovación, complementados con outros axentes da sociedade en xeral.

  • Sector Ciencia, Coñecemento e Creatividade: formación, investigación, deseño, TIC.
  • Sector Empresarial: PEMES, clusters, empresas líderes.
  • Sector Gobernamental: UE, goberno nacional, goberno rexional, axencias.