Presentación

Especialización Intelixente é unha estratexia clave para o futuro de Galicia que implica un proceso de descubrimento para identificar as oportunidades de desenvolvemento e crecemento sostible dunha rexión a partir da especialización de campos específicos da ciencia, a tecnoloxía e o coñecemento.

A Comisión Europea fixou a necesidade de converter a innovación nunha prioridade para todas as rexións europeas, establecendo as Estratexias de Investigación e Innovación para a Especialización Intelixente (RIS3) como unha obriga das rexións e dos Estados membros para optar aos fondos estruturais no próximo período orzamentario 2014-2020. En consecuencia, é imprescindible que todas as rexións identifiquen as áreas de especialización susceptibles de recibir financiamento comunitario durante este período para a realización de proxectos de I+D, innovación e TIC.

Por iso, Galicia debe elaborar una Estratexia de Especialización Intelixente que identifique, mediante un traballo conxunto que implique á Administración, ao tecido empresarial e aos axentes do sistema galego de innovación, as áreas de coñecemento e innovación nas que a nosa rexión ten posibilidades de ser excelente e competitiva a escala mundial, en función tanto das súas vantaxes competitivas existentes e emerxentes, como das tendencias globais.

Isto non é un exercicio de futuro incerto. É unha realidade presente que nos atinxe de cheo. En consecuencia, o Goberno de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, está traballando en alcanzar a “Especialización Intelixente” da nosa rexión cuxos obxectivos céntranse en potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en áreas prioritarias. É crucial poñer atención a todo isto, posto que se converterá na base dos próximos programas de investimentos europeos en Galicia.

Podes consultar esta web da GAIN para coñecer mellor que é a S3, os resultados que se obtiveron ata agora e para aportar a túa opinión ao respecto.