A tecnoloxía e a innovación son as claves dos 15 proxectos seleccionados por Viagalica para a fase de aceleración

2018-04-05
  • Desde os nanosatélites ao audio profesional, pasando pola fabricación de táboas de surf ou dispositivos USB que evitan o malware, destacan tamén pola súa orixinalidade e grao de desenvolvemento
  • A aceleración da 5ª edición arrinca o próximo 1 de maio no Centro de Negocios de Porto do Molle
  • Recibirán ata 125.000 euros en forma de préstamos participativos e subvención a fondo perdido
  • Presentáronse máis de 200 iniciativas á quinta edición da aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia

Vigo, 5 de abril de 2018.- Tecnoloxía avanzada, innovación e orixinalidade son as claves dos 15 novos proxectos seleccionados polo Comité Técnico de ViaGalicia, a aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.

O Comité valorou tamén a capacidade de retorno do investimento para potenciais investidores nos proxectos, as súas posibilidades de captar clientes e validar os produtos con eles durante o proceso de aceleración e a súa relevancia estratéxica no tecido empresarial galego, así como a solidez dos equipos e a súa presentación nos DemoDay que tiveron lugar os pasados 23 e 24 de marzo en Lugo e Vigo, respectivamente. Nestes Demoday participaron os proxectos que chegaron á fase de Academia, seleccionados entre as máis de 200 iniciativas que se presentaron inicialmente a esta quinta edición de ViaGalicia.

Entre os 15 proxectos elixidos atópanse Alén, fabricante de satélites chave en man; AuthUSB, que deseñou unha ferramenta para a prevención de todo tipo de ataques en dispositivos USB; Direct Dump, un sistema que facilita un proceso de autocertificación forense dirixido a peritos informáticos ou forzas de seguridade; Data Monitoring, que deseña solucións IoT (Internet Of Things) de monitorización de depósitos de auga e leite e RocketForms, plataforma que xera formularios interactivos para a súa inserción en páxinas web.

Dentro da contorna dixital atópanse os proxectos Livetopic, asesor financeiro en liña; Legalmit, bufete virtual en liña para avogados; ou Tidyant, unha aplicación para a xestión do ciclo de venda e post-venda de empresas de servizos técnicos. Ademais, seleccionáronse iniciativas como Ertha Surfboards, fabricante de táboas de surf eco-friendly; Xtonebox, dedicados á fabricación de equipos vintage de alta fidelidade e audio profesional; ou Colibrí, centrada na venda de scooters con deseños moi atractivos e a última tecnoloxía en mecánica.

A agroalimentación tamén estará presente, coa selección de catro proxectos relacionados co sector: Galician Brew, premiada gama de cervexas con personalidade propia; Bisqato, nova marca galega de queixos e pastas brandas gourmet; Orballo, a primeira plantación de té ecolóxica certificada de Europa; e Grilier, sazonador gourmet saudable para grellada.

Ademais, ao quince proxectos seleccionados súmase Emsamble, dirixido ao desenvolvemento dun sistema de arquitectura modular que chegou ata a fase de Academia da anterior edición e que agora foi seleccionado tras a súa inscrición na convocatoria extraordinaria Fast Track que ViaGalicia abriu por primeira vez o pasado mes de febreiro. O Comité Técnico puido constatar a súa importante evolución neste último ano e a súa idoneidade para sumarse á fase de aceleración.

Tras a valoración do Comité Técnico, formado por representantes do Consorcio Zona Franca de Vigo, Axencia Galega de Innovación (GAIN), Xesgalicia e Vigo Activo, as dezaseis iniciativas comezarán a súa aceleración a partir do próximo 1 de maio no Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán. Durante un período de seis meses traballarán xunto a un equipo de expertos co obxectivo de mellorar o modelo de negocio xa definido para consolidalo de cara a futuras roldas de investimento. Nesta fase, ademais de recibir titorización especializada e mentoring, contarán cun financiamento de ata 125.000 euros, en forma de préstamos participativos, máis unha subvención a fondo perdido.

Sobre ViaGalicia

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento. Desde a súa posta en marcha en 2013 e ata a súa quinta edición, recibiu máis de 1.000 propostas de negocio e investido 6,5 millóns de euros no impulso de máis de 160 proxectos, dos que máis de 68 convertéronse en empresas que crearon máis de 360 novos empregos.