Conde asegura que as oportunidades que ofrece a Industria 4.0 son maiores canto máis unidos traballen o sector e a Administración

2018-03-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á presentación do estudo ‘Oportunidades Industria 4.0 en Galicia’ impulsado pola Xunta coa colaboración de Atiga
  • Sinala que a transformación dixital é un paso obrigado para todas as empresas xa que determinará a súa competitividade
  • Avoga por seguir fomentando o coñecemento das tecnoloxías, impulsar a colaboración público-privada e crear mecanismos de financiamento para seguir avanzando na dixitalización do tecido empresarial
  • O informe diagnostica a situación actual dos sectores estratéxicos da economía galega: téxtil/moda, metalmecánico, naval, automoción, aeronáutico, agroalimentación e bio, madeira/forestal, enerxías renovables, pedra natural e TIC

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe en Santiago de Compostela que as oportunidades que ofrece a Industria 4.0 poden ser maiores canto máis unidos traballen o sector e a Administración, durante a presentación das conclusións do estudo Oportunidades Industria 4.0 en Galicia, impulsado pola Xunta, a través do Igape, coa colaboración da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga).

“Debemos preguntarnos como Galicia pode responder aos retos da Industria 4.0 e só vemos unha vía posible que ten dous piares: que a Administración non poña trabas e que esteamos todos xuntos”, asegurou Conde, que centrou os esforzos conxuntos en xerar un ecosistema no que todos poidan traballar en rede. Salientou a aposta que o Plan Galicia Innova fai pola creación de hubs nos que calquera empresa poderá afrontar os seus retos accedendo a formación ou desenvolvemento de prototipos, entre outros servizos.

Na súa intervención insistiu en que a transformación dixital é un paso obrigado para todas as empresas e animou a aproveitar as infinitas posibilidades da tecnoloxía en beneficio da sociedade e da economía, xa que determinará a competitividade das empresas.

O conselleiro cualificou o estudo como o mapa que localiza os puntos fortes e febles da Industria 4.0 en Galicia e avogou por seguir fomentando o coñecemento das tecnoloxías, impulsar a colaboración público-privada e crear mecanismos de financiamento. Tamén incidiu na importancia de que os plans de formación se adecúen ao emprego que vén.

Principais conclusións

O traballo inclúe un diagnóstico do nivel tecnolóxico actual nos dez sectores industriais estratéxicos da economía de Galicia, en base ao seu peso en termos de PIB: aeronáutica, agroalimentación e bio, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda e TIC. Tamén identifica oportunidades de mellora que facilitarán ás administracións públicas adecuar as súas políticas de apoio ás necesidades de empresas e sectores.

Segundo o informe, o 75% das empresas TIC galegas teñen competencias nas ferramentas de xestión masiva de datos (big data, cloud computing e data analitics), sistemas ciberfísicos e Internet das cousas.

O diagnóstico sectorial que realiza o estudo apunta á aeronáutica, a agroalimentación e bio, e a automoción como os sectores que se atopan á vangarda tecnolóxica en Galicia e os que mostran máis interese pola súa expansión. Así, na automoción, a agroalimentación e bio, e a aeronáutica, a elección maioritaria para continuar co proceso de dixitalización é a big data. En concreto, é a primeira opción para o 68%, o 58% e o 56% das empresas consultadas, respectivamente.

En liñas xerais, a xestión masiva de datos –big data– é a tecnoloxía 4.0 na que primeiro estiman investir as empresas dos sectores estudados para mellorar en competitividade, seguida doutras como simulación, modelización e virtualización; robotización e automatización; interacción persoa-máquina; sistemas ciberfísicos ou seguridade. Segundo as conclusións do traballo, a produción é o ámbito onde as empresas ven maior potencial de mellora coa incorporación das tecnoloxías 4.0, seguido do das persoas, os produtos e, en cuarto lugar, a calidade.