A Xunta promove a innovación nos concellos galegos a través do impulso á Compra Pública Innovadora

2018-03-14
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Santiago nunha mesa redonda sobre cidades innovadoras na que presentou as medidas de apoio da Xunta ao emprego da Compra Pública Innovadora (CPI) entre as administracións locais
  • A Administración autonómica puxo en marcha en 2017 o programa Innpulsa CPI, dotado con 32 millóns de euros, que inclúe unha actuación específica de apoio á Compra Pública Innovadora entre as entidades locais
  • Como rexión pioneira e referente neste ámbito a nivel estatal, Galicia executou o 40% de toda a CPI que se contratou en España no período 2007-2013
  • Argerey salientou que actualmente está executando proxectos por importe de preto de 100 millóns de euros e recibiu en dúas ocasións o Premio Nacional de Innovación nesta categoría

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago, nunha mesa redonda no marco do encontro Cidades Innovadoras Modernas Seguras 2018, organizado polo Cluster TIC de Galicia, en colaboración coa Xunta.

A Axencia Galega de Innovación foi convidada a participar nesta iniciativa polo papel que xoga no fomento da Compra Pública Innovadora (CPI), como instrumento de contratación por parte das administracións locais.

Deste xeito, Argerey explicou que Galicia é unha rexión pioneira e referente na implantación da Compra Pública Innovadora no contexto estatal. De feito, no período 2007-2013 executou o 40% de toda a CPI que se contratou en España e, no actual período orzamentario, 2014-2020, está executando fondos en CPI por preto de 100 millóns de euros.

Ademais, salientou que a Xunta foi merecedora en dúas ocasións do Premio Nacional de Innovación na categoría de Compra Pública Innovadora polos proxectos InnovaSaúde-Hospital2050 do Sergas e pola iniciativa para o desenvolvemento do Polo Tecnolóxico e Industrial arredor dos Vehículos non Tripulados de Rozas.

A directora de Gain detallou as actuacións que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria para fomentar a Compra Pública Innovadora en Galicia e, máis concretamente, no ámbito das administracións locais. Así, destacou as dúas convocatorias dirixidas aos diferentes departamentos da Xunta e outras entidades públicas para a identificación de proxectos singulares, para ser cofinanciados con fondos FEDER, xestionados polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Da primeira convocatoria, lanzada en 2014, saíron programas como Código 100, o Polo Tecnolóxico e Industrial de Vehículos Non Tripulados de Rozas ou o proxecto Smartcities de Santiago. En 2017 convocouse unha segunda consulta, cun orzamento de 31 millóns de euros, que está en fase de valoración das propostas.

Argerey puxo en valor tamén o programa Innpulsa CPI Galicia posto en marcha en 2017 cun orzamento de preto de 32 millóns de euros cun triplo obxectivo: dar a coñecer ao sector privado a CPI como unha oportunidade para que as pemes desenvolvan produtos e servizos innovadores; prestar servizos públicos de mellor calidade aos cidadáns e formar ao persoal das administracións públicas no uso da CPI. Este programa inclúe máis dunha decena de medidas entre as que se inclúen un programa específico de apoio á Compra Pública Innovadora entre as entidades locais.

O Plan Galicia Innova 2020

Este programa enmárcase nun acordo de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade para o fomento da CPI en Galicia, a través de accións de promoción, identificación, posta en marcha, xestión e seguimento de iniciativas de CPI na Comunidade galega. Trátase dunha aposta que terá continuidade no futuro e que está recollida no Plan Galicia Innova 2020, que inclúe unha liña de actuación de innovación nos servizos públicos para avanzar cara unha administración que ofreza servizos públicos de calidade, eficientes e eficaces a través da aplicación da innovación; e impulsar a Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora como ferramenta clave que permita ás administracións públicas traccionar a innovación, xestionando dun modo estratéxico as súas contratacións.

No tocante ás barreiras para implantar a CPI nas administracións, Argerey afirmou que Galicia é unha excepción, xa que toda a Administración autonómica está implicada nesta fórmula innovadora de contratación e precisou que o programa Innpulsa CPI Galicia pretende subsanar esta falta de cultura a través de formación ou a motivación.

A directora de Gain tamén salientou o papel fundamental dos equipos implicados tanto na toma de decisións como na xestión dos proxectos de CPI seleccionando tres palabras clave para definir o binomio cidades innovadoras-CPI: cidadanía, porque o principal obxectivo da CPI é a prestación de servizos públicos de mellor calidade aos cidadáns, que contribúan a mellorar a súa calidade de vida; pemes, porque a CPI xera oportunidades para que o tecido empresarial desenvolva produtos e servizos innovadores; e equipo porque se fai precisa a implicación e o convencemento de todos os departamentos e persoas que interveñen nesta fórmula de contratación.

A sesión na que participou Argerey estivo moderada por Sandra Sinde, da consultora Idom. Tamén participaron Diana Alonso, coordinadora da Rede Innpulso do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade; Jesús Cañadas, da Secretaría de Estado de Sociedade da Información e Axenda Dixital; Andrés López, responsable do laboratorio de innovación da cidade de Medellín (Colombia); Javier Vázquez, asesor TIC do Concello de Santiago; e Iñaki Etxebarría, director do Centro Informático Municipal do Concello de Bilbao.