Conde asegura que HGBeyond é unha mostra do potencial que ten Galicia para ser referente no sector biotecnolóxico

2018-03-09
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións desta empresa, spin off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que traballa no desenvolvemento de novos materiais para lentes de contacto
  • Destaca que a compañía xa contactou con empresas nacionais e estranxeiras para comercializar o seu produto e sinala que o Plan Galicia Innova 2020 ten, entre os seus obxectivos, reforzar tanto a valorización do traballo investigador como mellorar a transferencia do coñecemento ao tecido empresarial
  • Conde lembra que a Estratexia de impulso á biotecnoloxía xa leva mobilizado 52 millóns de euros a través de 13 accións desde 2016

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe que HGBeyond é unha mostra do potencial que ten Galicia para ser referente no sector biotecnolóxico, durante a visita que realizou ás instalacións da empresa, spin off da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

HGBeyond conta cun equipo investigador pioneiro no mundo ao desenvolver materiais para lentes de contacto medicadas, coa capacidade de ceder fármacos e substancias beneficiosas para o ollo. Tras obter diferentes recoñecementos polo seu labor, como o premio BIOGA 2015 á mellor idea empresarial, o galardón de Proxectos empresariais innovadores 2017 da USC ou o de Mellor Transferencia Tecnolóxica 2017 da Real Academia Galega de Ciencias, Conde asegurou que o mellor premio será o da comercialización do seu produto. A empresa, que se asenta nunha das liñas de investigación do Grupo I+D Farma da USC, xa contactou con compañías nacionais e estranxeiras para chegar a un produto comercializable e conta con patentes en España, Europa, EEUU e Xapón.

Neste sentido, Conde incidiu en que o Plan Galicia Innova 2020 ten entre os seus obxectivos impulsar a valorización do traballo científico e investigador, así como mellorar a transferencia do coñecemento ao tecido industrial a través de medidas como un novo programa para detectar, identificar e avaliar os resultados do sistema galego de I+D+i; ou medidas que favorecerán a promoción e comercialización de resultados.

Cun investimento público privado de 1775 millóns de euros, o Plan Galicia Innova 2020 pretende reforzar o sistema innovador galego e que en 2020 a Comunidade dispoña de mil empregados máis no sector (ata chegar aos 10.400) e cen novas empresas innovadoras para acadar as mil.

Conde destacou que o sector bio é un campo que conta con potencial na Comunidade e que será estratéxico dentro do Plan Galicia Innova 2020, pero no que xa se está a traballar a través de diferentes programas como a Estratexia de impulso á biotecnoloxía de Galicia que, desde 2016, favoreceu a mobilización de 52 millóns de euros a través de 13 accións; os Programa Ignicia e Principia, no que HGBeyond conta cun contrato; ou iniciativas como a incubadora impulsada pola Xunta coa Fundación Kaertor e a multinacional Janssen, primeira aceleradora en España para o descubrimento de fármacos. Conde destacou que Galicia conta coas bases necesarias para impulsar este sector xa que o 7,9% das empresas españolas deste eido son galegas.