A Xunta destaca a importancia de aceleradoras de innovación como ViaGalicia para transformar as ideas en empresas reais

2018-03-10
  • Durante a fin de semana, os 37 proxectos que participaron na fase de Academia da aceleradora preparan as súas presentacións para o Demoday no que serán seleccionados os 15 proxectos que pasarán á fase de aceleración
  • ViaGalicia está considerada un referente entre as aceleradoras de iniciativa pública de España e, nas súas cinco edicións, impulsou máis de 120 proxectos, dos que 54 se transformaron en empresas
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria participa nesta iniciativa dentro da súa estratexia de impulso ao emprendemento innovador, a través da Rede Galega de Aceleradoras, que ten apoiado preto de 700 proxectos nos últimos catro anos

Pantón (Lugo), 10 de marzo de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá aos ensaios xerais de preparación das presentacións dos proxectos que participan na aceleradora ViaGalicia, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Durante a xornada, destacou o nivel dos participantes e a importancia deste tipo de aceleradoras de innovación para transformar as ideas innovadoras en empresas reais.

Despois de rematar a fase de formación, os 37 proxectos das sedes de Vigo e Lugo prepararon durante esta fin de semana as súas presentacións, seguindo o formato do elevator pitch, para defendelos os vindeiros 23 e 24 de marzo, nos Demodays de Lugo e Vigo respectivamente, ante o comité técnico do programa e optar a pasar á fase de aceleración. Os proxectos pertencen a diversos sectores, entre os que destacan nesta edición: o sector TIC, o agroalimentario e o turismo, entre outros.

Argerey lembrou o compromiso da Xunta co emprendemento innovador e coa captación e retención de talento en Galicia a través da Rede Galega de Aceleradoras, que leva apoiado preto de 700 proxectos desde a súa posta en marcha en 2014.

A directora de Gain confirmou que este apoio terá continuidade nos vindeiros anos a través do Plan Galicia Innova 2020, que inclúe como unha das tres áreas de acción estratéxica o emprendemento e a innovación e que aspira a situar Galicia como un territorio de referencia para idear, crear, acelerar e consolidar iniciativas emprendedoras innovadoras capaces de xerar emprego e valor engadido para a sociedade e a economía galega.

ViaGalicia, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, está considerada como un referente a nivel estatal entre as aceleradoras de iniciativa pública. Nas súas cinco edicións, impulsou máis de 120 proxectos dos que cando menos 54 se transformaron en empresas, xerando máis dun cento de novos empregos.