Conde destaca o apoio da aceleradora Galicia Open Future á innovación aberta para conectar o talento co tecido empresarial

2018-02-28
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na clausura da xornada ‘Galicia en Digital. Industria 4.0:¿Compartimos este camino?’ na que se presentou a cuarta edición do programa que desenvolve Telefónica co apoio da Xunta
  • Fixo un chamamento a emprendedores, startups, pemes e organismos de investigación para que presenten os seus proxectos
  • O prazo para presentar as candidaturas está aberto ata o próximo 13 de marzo
  • Sinalou a importancia de apostar polo emprendemento e o talento como o fai o Plan Galicia Innova 2020, a folla de ruta da Xunta que mobilizará 1775 millóns de euros para conectar o tecido empresarial co ecosistema de innovación galego

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na clausura da xornada Galicia en Digital. Industria 4.0: ¿Compartimos este camino?, na que se expuxeron as principais características da cuarta edición da aceleradora Galicia Open Future que desenvolve Telefónica co apoio da Xunta. Conde puxo en valor este programa que nesta convocatoria está enfocado á Industria 4.0 para seguir conectando o talento emprendedor coas principais empresas tractores de Galicia.

Neste senso, o titular de Economía sinalou a importancia de desenvolver proxectos deste tipo cos que se apoia a innovación aberta co obxectivo de dar resposta ás necesidades do tecido empresarial co novo talento. “A industria do futuro será dixital, polo que é necesario dar cobertura aos proxectos que nacen do talento e a innovación”, apuntou.

Conde fixo un chamamento a emprendedores, startups, pemes e organismos de investigación para que participen no programa e presenten os seus retos de negocio, xa que poden ser abordados mediante solucións baseadas en tecnoloxías. Ata o próximo 13 de marzo está aberto o prazo de inscrición para presentar as candidaturas, como xa o fixeron empresas como Nueva Pescanova, que propón un plan para predicir o resultado do ciclo de cría do langostino a través da recollida de datos que faciliten a toma de decisións en cada fase, ou Finsa, que conta cun proxecto para o deseño de novo mobiliario que aproveite as novas tecnoloxías para a creación de hábitats intelixentes.

O titular de Economía apuntou que a participación das empresas nesta aceleradora demostra o compromiso do tecido empresarial galego coa Industria 4.0 e coa innovación. Así, lembrou que o Plan Galicia Innova da Xunta mobilizará 1775 millóns de euros ata 2020 para conectar a industria co ecosistema de innovación galego que reside nas universidades, nos centros tecnolóxicos e nos organismos de investigación.

Conde recordou que Galicia Open Future forma parte da rede de aceleradoras que desenvolve a Xunta entre as que se encontran Agrobiotech en Lugo e Ourense, centrada nos sectores agroalimentario, forestal e a biomasa; a Business Factory Auto, con PSA, en Vigo; o programa Connecting for good Galicia, en Santiago, coa colaboración de Vodafone; ViaGalicia, en Vigo e Lugo, que conta co apoio de Zona Franca; a primeira incubadora de fármacos de España, que promoven desde Santiago a Fundación Kaertor e a multinacional Janssen; a futura Business Factory Aeronautic que se porá en marcha en maio en Lugo para o desenvolvemento de proxectos do sector aeroespacial; ou as 6 aceleradoras centradas en proxectos de I+D+i apoiadas desde o ámbito privado. Ao respecto, Conde sinalou a importancia da colaboración público privada para o desenvolvemento da industria dixital. Segundo o conselleiro, é a mellor plataforma de lanzamento do talento emprendedor que hai no país.

Para rematar, o conselleiro afirmou que para seguir no camiño da Industria 4.0 se necesita seguir apoiando o talento e a innovación coa implicación de grandes empresas como Telefónica, Finsa ou Nueva Pescanova co apoio da Xunta.

A nova edición do Galicia Open Future

A través desta aceleradora seleccionaranse nesta nova edición 10 proxectos por cada reto proposto –un total de 6- que se darán a coñecer o 5 de abril para comezar coa fase de cocreación onde se concretarán as necesidades exactas da empresa con un demoday que terá lugar o 30 de abril.

Finalmente, a publicación do gañador e os tres finalistas darase a coñecer o 14 de maio. Estes 4 proxectos serán os que posteriormente participarán no programa de aceleración entre xuño e outubro deste ano para madurar e consolidar as ideas seleccionadas. Os 4 finalistas recibirán diversas axudas e o gañador do reto poderá realizar, ademais, un proxecto piloto real do seu plan de negocio financiado pola empresa tractora.