A Xunta salienta que a unidade mixta de investigación Estaleiro do futuro impulsa a transformación dixital do sector naval

2018-02-28
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe en Ferrol á demostración do uso de drons na construción e reparación naval realizada por Navantia a través da Unidade Mixta de Investigación “Estaleiro do futuro”, na que participa tamén a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta
  • Destacou que o emprego desta tecnoloxía permitirá aforrar tempo e esforzo nas inspeccións de buques e evitar riscos para as persoas, avanzando, así, cara o estaleiro 4.0
  • O desenvolvemento desta Unidade Mixta de Investigación permitiu a creación de 18 empregos cun investimento total público privado de 2,3 millóns de euros

Ferrol, 28 de febreiro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, asistiu este mediodía á demostración do uso de drons (UAV) na construción e reparación naval, realizada por Navantia, no marco das actuacións que está desenvolvendo a través da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Estaleiro do futuro e as empresas locais Avansig e Stgo.

Esta tecnoloxía, que se implantará en todos os estaleiros da compañía, permitirá, segundo explicou Argerey, aforrar tempo e esforzos e evitar riscos para as persoas na realización das tarefas de inspección no interior dos tanques de carga dos buques, zonas elevadas e pouco accesibles, na busca de defectos estruturais como corrosión ou fisuras. O dron desenvolto a través da Unidade Mixta de Investigación, na que participan Navantia e a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta, é capaz de localizarse e desprazarse de forma precisa e fiable en interiores, onde non hai dispoñibilidade de GPS.

Con este proxecto, avánzase cara á transformación dixital e o estaleiro 4.0, obxectivo fundamental desta Unidade Mixta de Investigación que, fundada en 2015, permitiu a creación de 18 empregos cun investimento total público-privado de 2,3 millóns de euros. As liñas fundamentais desta estrutura son mellorar os procesos produtivos existentes e desenvolver outros novos para incrementar a produtividade, reducir tempos e custos e competir así cos estaleiros europeos e asiáticos.

As Unidades Mixtas de Investigación son unha aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co obxectivo de favorecer a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento, por medio da colaboración público-privada, e impulsar a transferencia da I+D+i ao tecido industrial galego, así como atraer empresas foráneas, líderes nos seus respectivos sectores. Nas catro edicións deste programa, desde 2014, puxéronse en marcha 30 Unidades Mixtas (26 de nova creación e 4 de consolidación) cun apoio público por parte da Xunta de 28 millóns de euros que están mobilizando 94 millóns e dan emprego a 450 profesionais.