Conde pon en valor os novos servizos que ofrece a industria 4.0 e a importancia de apostar pola dixitalización e formación

2018-02-22
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe en Santiago a xornada ‘Casos de aplicación da Computación de alto rendemento’ na industria galega, organizada polo Cesga
  • Destaca a alta presenza de proxectos galegos no programa europeo Fortíssimo para reforzar a competitividade das pemes e axudalas a incorporar as tecnoloxías de cálculo de altas prestacións, o Big Data ou técnicas de intelixencia artificial
  • O titular de Economía sinala os apoios da Xunta para acompañar ás empresas galegas no proceso da transición tecnolóxica, os programas de formación para evitar que se produza unha fenda dixital no sector industrial e a importancia dos Hubs de innovación para transferir o coñecemento ás empresas
  • O Plan Galicia Innova 2020 mobilizará 1775 millóns de euros para reforzar o perfil innovador das pemes e sincronizar o labor de investigación coas necesidades reais das empresas

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor os servizos e as novas posibilidades que ofrece a dixitalización da industria e a computación de altas prestacións no transcurso da clausura da xornada Casos de aplicación da Computación de alto rendemento na industria galega, unha iniciativa organizada en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

O titular de Economía sinalou que a dixitalización e a formación son os retos do novo modelo económico marcado pola Industria 4.0, un escenario no que a computación de altas prestacións revélase como un instrumento indispensable unido á aposta pola I+D+i. Neste senso, puxo como exemplo algúns dos servizos que ofrece, como o coñecemento dos custos derivados do transporte marítimo de mercadorías; o deseño de sistemas para xerar biogás a partir de abono natural; estudo do comportamento do eucalipto para a madeira de construción; ou a predición de incidentes de mantemento que poidan xurdir en equipos de climatización instalados en puntos xeográficos distintos.

Son todos eles proxectos que participan no programa europeo Fortíssimo para reforzar a competitividade das pemes axudándoas a incorporar as tecnoloxías de cálculo de altas prestacións, o Big Data ou técnicas de intelixencia artificial. Galicia presentou 60 proxectos, ás diferentes convocatorias deste programa, dos que foron seleccionados 15, o que significa que o 25% do total de plans aprobados para toda Europa. “É unha taxa de retorno moi alta”, apuntou o conselleiro, quen engadiu, por iso, a importancia de seguir apostando por este ámbito. En concreto, están participando neste programa, xunto a centros de coñecementos galegos, 29 empresas.

Neste senso, destacou a importancia de acompañar ás empresas galegas no proceso da transición tecnolóxica e a necesidade de que empresas e centros sigan colaborando para que as compañías identifiquen os seus retos tecnolóxicos e os centros de coñecemento poidan darlles unha resposta.

A Xunta, neste campo, conta con axudas dirixidas tanto á innovación, dixitalización e formación. Para a dixitalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convocou axudas por valor de 6 millóns de euros para a posta en marcha de novos sistemas informáticos e plans de formación no eido da Industria 4.0, como a robótica, o Big Data ou a loxística.

No eido da formación, o Goberno galego ten en marcha diversos programas para evitar que se produza unha fenda dixital no sector industrial, como son as Unidades Formativas na Empresa tanto para traballadores en activo como desempregados a través das que se financian cursos á carta. Tamén se apoian desde a Administración autonómica accións formativas en centros homologados. Conde avogou por seguir traballando en coordinación coas empresas para deseñar itinerarios formativos adecuados á nova realidade laboral.

Por último, referiuse ao Plan Galicia Innova 2020 que mobilizará un investimento público-privado de 1775 millóns de euros para sincronizar o labor de investigación coas necesidades do tecido industrial e reforzar o perfil innovador das pemes. Puxo en valor os Hubs de innovación e a súa importancia para que o coñecemento se transfira ao tecido produtivo galego. “En Galicia temos moito talento e nos consta que os centros de coñecemento se están a poñer a disposición das empresas”, apuntou Conde, indicando que moitas firmas xa están inmersas nun proceso de transformación tecnolóxica para ser máis innovadoras, máis eficientes e máis produtivas. “Neste novo modelo de industria, a dixitalización e a automatización de procesos, o Big Data e as TIC son as ferramentas fundamentais”, concluíu.