A Xunta ofrecerá este ano formación á carta a preto de 1000 traballadores do naval galego

2018-02-14
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantiveron hoxe en Vigo un encontro co presidente de Aclunaga, Marcos Freire, e empresas deste sector para expoñerlles as axudas do Goberno galego e os programas de formación neste ámbito
  • Toca destaca que un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, adaptando a cualificación dos traballadores ás necesidades que demanda o sector produtivo
  • Marnotes indica que xa está aberto o prazo de solicitude para as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupados
  • Na cidade de Vigo poranse en marcha 50 cursos para 800 profesionais do naval
  • O desemprego baixou en 2017 neste ámbito un 23,76%, ao tempo que se asinaron máis de 32.200 novos contratos

Vigo, 14 de febreiro de 2018.- Os máximos responsables de Emprego e de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acompañados por técnicos do Igape e da Axencia Galega de Innovación (Gain), participaron hoxe en Vigo nun encontro co presidente do Clúster do Naval Galego (Aclunaga), Marcos Freire, e empresas do sector para expoñerlles os programas de formación e axudas que a Xunta ten a disposición do naval.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, puxo en valor as diferentes actuacións que ofrece a Administración autonómica para a cualificación de traballadores e desempregados deste ámbito como é o programa de formación para ocupados, que reserva este ano un millón de euros ao naval para a cualificación de preto dun milleiro de traballadores, a través de 63 cursos que terán lugar en Vigo, Arteixo, Narón e Lugo. Impartiranse accións nas especialidades de soldadura, robótica, calderería ou deseño do naval, entre outros. Específico para a cidade viguesa, poranse en marcha 50 accións para 800 profesionais.

A esta iniciativa únense este ano tamén as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no DOG. En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. “Trátase de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, apuntou Marnotes. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Marnotes, ademais, resaltou o plan de formación especializado e específico para este eido que se puxo en marcha o pasado ano. En 2017 comezaron 57 cursos nos que participaron 883 alumnos e alumnas cun investimento de 4,3 millóns de euros.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou a importancia de adaptar os perfís profesionais dos traballadores galegos ao novo modelo industrial. Neste senso, afirmou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo.

Doutro lado, no encontro, tamén se expuxeron as axudas e servizos do Igape dirixidas ás empresas do naval para mellorar a súa competitividade como é o programa ReAcciona, para a formación especializada no ámbito 4.0, ou os apoios para avanzar na súa internacionalización cara a novos mercados. As empresas auxiliares do sector naval tamén están a impulsar o seu potencial competitivo con investimentos no ámbito 4.0, apoiados a través do Igape no marco dun proxecto colectivo coordinado por Aclunaga, ao abeiro da segunda convocatoria de axudas neste ámbito de actuación.

Innovación

En materia de innovación, presentouse o mapa de apoios da Axencia Galega de Innovación para 2018, que se centra en iniciativas encamiñadas principalmente a apoiar a I+D+i, tamén no ámbito do naval. Neste senso, destacan convocatorias como a Fábrica Intelixente, dirixida a apoiar proxectos de investigación e desenvolvemento no ámbito industrial para avanzar cara a implementación da Industria 4.0 ou a nova convocatoria de Conecta Peme, que apoia proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, en cooperación entre varias empresas, con participación de pemes.

A Xunta, ademais, conta coas unidades mixtas de investigación nas que empresas e centros tecnolóxicos desenvolven, tamén no sector naval, proxectos estratéxicos e innovadores para a industria.

Este apoio ao sector industrial galego enmárcase no futuro Plan Galicia Innova 2020, que actualmente se atopa en fase de consultas, que contará cun investimento público-privado de 1775 millóns para impulsar, a través da innovación, a actividade económica e industrial e xerar máis emprego.

Para rematar, Toca indicou que a Xunta con estas actuacións pretende seguir contribuíndo a que o desemprego baixe neste sector, como xa aconteceu no último ano cando, en comparación con 2016, o paro neste eido rexistrou unha baixada do 23,76%, ao tempo que se asinaron máis de 32.200 novos contratos. Así mesmo, puxo en valor a etapa de crecemento que está a vivir o sector, lembrando que Galicia encabeza en España esta recuperación. “O esforzo realizado polo Goberno galego da man do sector está dando os seus froitos para que a nosa Comunidade recupere o seu liderado neste ámbito: a actividade e o emprego”, afirmou.