A Xunta busca mellorar a seguridade aérea e a xestión ambiental a través de dúas contratacións cun investimento de máis de 7 m€

2018-02-08
  • O presidente do Goberno galego salienta que Galicia é líder a nivel español en Compra Pública Innovadora, pois o 40% dos proxectos neste eido a nivel estatal entre 2007 e 2013 levaron selo galego
  • Con estas dúas licitacións complétase o total dos proxectos de Compra Pública Innovadora previstos inicialmente para o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados en Rozas

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aposta do Goberno galego por mellorar a seguridade aérea e a xestión ambiental a través de dúas novas contratacións mediante Compra Pública Innovadora de tecnoloxía baseada en avións non tripulados que supoñen un investimento de 7,2 millóns de euros.

En concreto, a primeira destas iniciativas –que se licitará por 6,05 millóns de euros– busca mellorar a seguridade de tráfico dos avións non tripulados no espazo aéreo, impulsando a participación da industria galega no sector da seguridade aérea co fin de atraer á nosa Comunidade compañías de referencia. Este proxecto axudará a mellorar a convivencia no espazo aéreo de avións tripulados e non tripulados.

A segunda destas iniciativas –que se licitará por 1,15 millóns de euros– pretende desenvolver solucións para o sector forestal, no que Galicia é unha referencia a nivel nacional. Así, Feijóo explicou que a dita iniciativa persegue tres obxectivos: obter información sobre a masa forestal que permita facer un inventario actualizado dela sen necesidade de esperar ao Inventario Forestal Nacional; inspeccionar e controlar desde o aire as franxas de seguridade contra incendios, especialmente ao redor dos núcleos urbanos pero tamén nos rurais; e controlar as tres pragas que máis preocupan ao sector –a procesionaria, o nematodo do piñeiro e o defoliador do eucalipto–.

Ambas as dúas licitacións, precisou o titular do Executivo autonómico, remitiranse ao Diario Oficial da Unión Europea. Con estas dúas convocatorias –que se suman a outras oito convocatorias xa publicadas e relacionadas co sector aeronáutico– complétase o total dos proxectos de Compra Pública Innovadora previstos inicialmente para o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados en Rozas.

Ordenación do territorio, eido marítimo e actividade agraria

As oito convocatorias xa publicadas –a través das cales se está a contactar con 79 consorcios formados por 150 empresas– pretenden mellorar a ordenación do territorio, o eido marítimo e a actividade agraria. En concreto, as tres primeiras iniciativas –relacionadas co primeiro dos retos– buscan xestionar o conxunto de datos xeorreferenciados; adquirir, manter e automatizar bases topográficas e cartográficas; e seguir as dinámicas de ocupación do solo e axudar á planificación territorial a través de drons.

Pola súa banda, outras dúas licitacións refírense ao eido marítimo, onde pretenden reforzar a seguridade marítima e seguir a actividade da frota pesqueira galega en tempo real, así como automatizar mostraxes oceanográficas. Por último, as tres últimas convocatorias –relacionadas coa actividade agraria– buscan un sistema de xestión de información xeorreferenciada; o procesado de información das explotacións agrarias; e un sistema automatizado do seguimento da actividade agraria.

“En Rozas estamos investindo 150 millóns de euros”, subliñou o presidente da Xunta, quen se referiu, neste sentido, ao Centro de Investigación Aerotransportada –cun investimento de 10 millóns de euros– ao programa de I+D+i desenvolvido xunto a Indra e Babcock –cun investimento conxunto de 115 millóns de euros– e no que están a participar unha trintena de empresas e centros tecnolóxicos con preto de 190 traballadores, e aos 24 millóns de euros en Compra Pública Innovadora desenvolvida en colaboración co Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, nos que se enmarcan estas dúas novas licitacións.

“Galicia é líder a nivel español en Compra Pública Innovadora”, salientou o presidente da Xunta ao tempo que sinalou que o 40% dos proxectos neste eido a nivel estatal entre 2007 e 2013 levaron selo galego. Neste período, precisou o presidente, adxudicáronse proxectos por 112 millóns de euros.