A Xunta presenta en Lugo o programa Conecta Peme destinado a apoiar proxectos de I+D+i coa cooperación entre empresas

2018-02-08
  • A cuarta edición desta iniciativa, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, aspira a mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos de I+D+i empresarial
  • Dende 2013, esta liña de axudas mobilizou investimentos por máis de 100 millóns de euros a través de 133 proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain) continúa cunha serie de xornadas de presentación da convocatoria polas catro provincias galegas

Lugo, 8 de febreiro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada de presentación da convocatoria Conecta Peme 2018 en Lugo, organizada en colaboración coa Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo. Argerey explicou ante máis de 30 axentes do sistema galego de innovación que o obxectivo desta convocatoria é seguir incrementando a competitividade das empresas galegas, especialmente das pemes, a través do apoio a proxectos de I+D+i de agrupacións de empresas.

Este obxectivo alíñase co futuro Plan Galicia Innova 2020 que, baixo o lema Galicia 2020: un territorio para innovar, aspira a consolidar un modelo de crecemento sostible baseado na I+D+i como factor clave para garantir a competitividade da nosa economía e dar resposta aos retos aos que se enfronta a sociedade galega. Neste marco, o papel das pemes é fundamental e, por iso, a directora de Gain subliñou que “queremos máis pemes innovadoras e que as pemes innoven máis”.

Novidades desta edición

Nesta cuarta edición, que se convoca hoxe a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se pecha o 8 de marzo, o orzamento medra un 8% respecto da anterior, acadando os 27 millóns de euros. Con este investimento público, cofinanciado polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, espérase mobilizar un total de 50 millóns de euros a través duns 70 proxectos de I+D+i. Dende a súa posta en marcha en 2013, o programa Conecta Peme conseguiu xerar investimentos por máis de 100 millóns de euros a través de 133 proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.

As principais novidades desta edición, segundo informou Patricia Argerey, son que se valorarán máis aqueles proxectos de I+D que estean máis próximos ao mercado e que recibirán máis puntuación aqueles que creen máis emprego. Ademais, aumenta de dous a tres o número mínimo de empresas que deben participar no consorcio e limítase a intensidade da axuda para aquelas empresas que participen en tres ou máis proxectos, co obxectivo de favorecer a concorrencia.

Características dos proxectos

Os beneficiarios da convocatoria son agrupacións de empresas, entre tres e seis, formadas por alomenos unha peme e como máximo unha grande empresa. O orzamento dos proxectos debe ser de entre 500.000 e 1,5 millóns de euros e a intensidade da axuda varía dependendo do tamaño da empresa e do tipo de proxecto, chegando aos límites máximos permitidos por Europa. Os proxectos deben estar aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e valorarase positivamente a participación no proxecto dun organismo de investigación.

Nos vindeiros días celebrarase esta xornada de presentación da convocatoria en Vigo, A Coruña e Ourense. O programa da xornada, así como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web de Gain.