A Xunta abre unha nova liña de axudas para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de innovación de Galicia

2018-02-04
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,5 millóns de euros a apoiar a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade
  • As axudas, que poden chegar ata o 50% do custo, deberán destinarse a mercar equipamento científico e técnico
  • O prazo de presentación de solicitudes, a través da sede electrónica da Xunta, estará aberto ata o 2 de marzo

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2018.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta semana a convocatoria da nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de innovación galegos. O obxectivo destes apoios é a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade, que lles permita a estes centros de coñecemento desenvolver unha I+D punteira e mellorar a súa excelencia, así como mellorar a transferencia ao tecido produtivo, contribuíndo deste xeito á súa competitividade.

Os beneficiarios destas axudas son os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación galegos inscritos no rexistro estatal de centros regulado polo Real Decreto 2093/2008 de 19 de decembro. Os proxectos de adquisición de infraestruturas que presenten deben ter un orzamento mínimo de 100.000 euros, sen límite máximo, e poden presentar máis dunha solicitude por centro.

Valorarase de xeito preferente aquelas solicitudes que presenten un plan de explotación da infraestrutura conxunto con outros centros, co obxectivo de fomentar a cooperación e o carácter aberto.

O tipo de infraestruturas que se poden adquirir ao abeiro desta axuda son equipamento científico e técnico. O importe máximo de cada axuda poderá chegar ao 50% dos custos subvencionables, sendo a dotación total desta convocatoria de 6,5 millóns de euros, cofinanciados a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta nova liña de apoio está aliñada coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que identifica como unha das súas prioridades agrupar, ordenar e especializar aos axentes do sistema galego de I+D+i. Neste contexto, os proxectos de infraestruturas están orientados ao fortalecemento da capacidade dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación en Galicia. Un obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020 que pretende mobilizar 1775 millóns de euros ata 2020 para estimular a actividade económica e industrial galega favorecendo que o sistema galego da innovación se anticipe aos desafíos do futuro.