A Xunta destina 725.000 euros en axudas a empresas innovadoras da área de Compostela a través do programa Innova Peme

2018-01-30
  • As achegas nesta liña, a primeira a fondo perdido para microempresas, pequenas e medianas, superan os 1,5 millóns de euros na provincia e os 4,7 en toda Galicia
  • O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións de Mestrelab Research, líder en solucións informáticas para Resonancia Magnética Nuclear

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da empresa Mestrelab Research, SL, unha das beneficiarias do programa Innova Peme, axudas do 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa, destinadas ao financiamento das actividades integradas nos devanditos plans que lles permitan sistematizar os procesos de innovación da empresa. O delegado estivo acompañado por persoal da Axencia Galega de Innovación. A axuda concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria supera os 148.000 euros.

Mestrelab Research é unha empresa líder a nivel mundial no desenvolvemento de solucións informáticas para o tratamento, análise e simulacións cuánticas de datos de Resonancia Magnética Nuclear (RMN). Os seus produtos están actualmente sendo utilizados en aplicacións tales como o descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos, detección precoz de enfermidades mediante estudos metabolómicos ou espectroscopia de resonancia médica, así como para o estudo, desenvolvemento e optimización de materiais.

O programa Innova Peme, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), beneficia ás microempresas, pequenas e medianas empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, con obxectivo de que, logo de ter implementado o seu plan, as compañías destinatarias teñan: mellores indicadores de innovación: maior gasto en I+d+i, máis persoal para I+D+i, máis proxectos colaborativos, e mellores opcións para participar en convocatorias internacionais.

Así mesmo, preténdese que teñan máis produtos e servizos innovadores no mercado, e mellores e máis eficientes procesos que as fagan máis competitivas. Esta é a primeira convocatoria de axudas individuais a fondo perdido especificamente destinadas a mellorar o desempeño innovador das microempresas, pequenas e medianas empresas galegas.

Na área de Compostela, o programa da Axencia Galega de Innovación beneficia a oito empresas (seis de Santiago e dúas de Ames) por unha cantidade de algo máis de 725.000 euros. Na provincia os investimento supera os 1,5 millóns de euros durante dous anos. Ovidio Rodeiro destacou “o interese da Xunta de Galicia en darlle visibilidade ao esforzo que están a realizar as pequenas e medianas empresas para ser máis competitivas a través da innovación”.