O presidente da Xunta inicia o martes unha misión comercial a Israel para mostrar Galicia como un lugar onde investir e destacar a súa aposta pola innovación

2018-01-28
  • O titular do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estará acompañado por unha delegación galega formada por unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos
  • O obxectivo é promover Galicia no exterior como un territorio onde existen importantes sectores estratéxicos que, co apoio da Xunta, están impulsando a Industria 4.0
  • A axenda estará centrada en foros e encontros empresariais co reto de explicar o ecosistema de innovación co que conta a Comunidade e as vantaxes fiscais que ofrece para investir
  • A delegación empresarial estará representada polos ámbitos da aeronáutica, automoción, biotecnoloxía, TIC e agroalimentario

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizará a próxima semana unha misión comercial a Israel co obxectivo de mostrar Galicia como un lugar para innovar e de abrir novas oportunidades de investimento no tecido empresarial galego.

A iniciativa ten como obxectivo principal promover Galicia no exterior como un lugar onde existen importantes sectores estratéxicos que, co apoio da Xunta, están impulsando a innovación e a Industria 4.0, ao tempo que se está fomentando a captación de investimentos. Deste xeito, a delegación que parte o martes cara ao país israelí estará formada tamén por unha vintena de centros tecnolóxicos e empresas dos sectores da aeronáutica, automoción, biotecnoloxía, TIC e agroalimentario.

A axenda da viaxe, que terá tres días de duración, estará centrada en foros e encontros empresariais. Destaca entre os actos programados unha xuntanza empresarial, que se celebrará o martes en Tel Aviv, entre compañías de Galicia e Israel.

Cómpre resaltar tamén a visita o xoves en Xerusalén ao OurCrowd Global Investor Summit, un evento no que se darán cita importantes investidores, o que permite xerar oportunidades comerciais ás empresas que participan. Será, polo tanto, unha importante vía para difundir o ecosistema de emprendemento e innovación que existe en Galicia co tecido empresarial.

No eido da innovación, a misión comercial permitirá dar a coñecer en Israel o Plan Galicia Innova 2020, unha iniciativa que mobilizará 1775 millóns de euros ata 2020 co obxectivo de impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e benestar social a través da innovación. Un exemplo recente do impulso que Galicia está dando á innovación, é o desenvolvemento da primeira incubadora galega de novos fármacos, pioneira tamén en España, na que a Xunta conta coa colaboración da empresa Janssen e da Fundación Kaertor. Esta aceleradora fará de Galicia un polo de innovación aberto ao descubrimento de fármacos, atraendo a Galicia o mellor talento e favorecendo a captación de investimentos, a transferencia de coñecemento e o espírito emprendedor, buscando que novos fármacos logren chegar ao mercado. Neste sentido, a viaxe a Israel tamén servirá para informar da aceleradora Business Factory Auto (BFA), na que están implicados todos os axentes da automoción galega e coa que se estima unha mobilización de 20 millóns de euros ata 2020.

Durante os diferentes foros e encontros empresariais programados, a Xunta dará a coñecer a nova Lei de implantación empresarial, que ten como principal reto fortalecer e mellorar a competitividade do tecido empresarial afincado na Comunidade e atraer, ao mesmo tempo, novos proxectos con máis simplificación, reducindo á metade os prazos de tramitación, manténdose todas as garantías e ofrecendo máis facilidade para acceder a solo industrial e máis incentivos fiscais para favorecer a chegada de novas firmas coa colaboración das administracións locais a través dos Concellos Emprendedores.

Neste mesmo eido, para facilitar a captación de novos investimentos, a Xunta informará de que conta coa Oficina Doing Business, unha plataforma pública online que se constitúe como unha canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar novos proxectos.

En definitiva, a misión comercial a Israel busca novas vías de investimento, colaboración e alianzas estratéxicas nun dos mercados máis punteiros a nivel internacional e unha potencia en solucións innovadoras para a agricultura e a alta tecnoloxía, ámbitos estratéxicos para o futuro de Galicia. De feito, as exportacións galegas a Israel aumentaron no 2016 en 21 millóns de euros, un 23% máis que en 2015, cuadriplicando as rexistradas en 2009. En 2016, ademais, 121 empresas galegas exportaron ao país israelí, un 70% máis das que o facían oito anos antes.